Skip to main content
Actualidade

Os políticos de todos os grupos acordan a doazón de parte do seu salario

Por 8 Abril, 2020Sin comentarios

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o conxunto dos conselleiros que conforman o Goberno galego decidiron doar o 30 % do soldo correspondente ao mes de abril para contribuír á loita contra o coronavirus. A medida foi secundada tamén polos deputados do PP no Parlamento galego, que actualmente está disolto e só ten activos a 42 deputados, dos cales 23 pertencen ao Grupo Popular. Do mesmo xeito que os membros do Goberno, a súa contribución será do 30 % do salario e detraerase da nómina do mes de abril.

A decisión do Goberno galego e do PP súmase á explicitada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que hai dous días tamén difundía nas súas redes sociais que os deputados nacionalistas doarían unha parte do salario do mes de marzo aos proxectos de investigación que están en marcha para frear o contaxio do COVID-19.

Para canalizar esas contribucións, a Xunta difundiu este luns os datos de catro contas bancarias xestionadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), xa que son moitas as empresas e institucións que queren aportar para doar máscaras, ventiladores, lentes protectoras, luvas, batas, etanol ou camas para evitar o colapso do sistema sanitario.

Ante o elevado número de chamadas, a Xunta habilitou un correo electrónico (grazasgalicia@sergas.gal) e catro contas para canalizar a axuda económica. Son as seguintes: ES23 2080 0388 2231 1000 3170 de Abanca; ES23 0081 5363 2800 0114 1816 do Banco Sabadell; ES02 2100 8685 3202 0001 5126 de CaixaBank; e ES75 0049 2932 8021 1406 4873 do Banco Santander.

Instantes despois da mensaxe sobre as doazóns realizado pola Xunta, o secretario xeral do PSOE galego, Gonzalo Caballero, sumábase á causa anunciando nas redes que ” hai actos que, sen solucionar o grave, contribúen a amosar ou noso compromiso”. Así que anticipou que doaría o 50 % dos seus ingresos desde que foi declarado o estado de alarma á loita contra o COVID-19. No caso do PSdeG trátase dunha decisión, polo menos de momento, unipersoal, que non está compartida nin co conxunto do partido nin co grupo parlamentario.

Nun plano máis institucional, o Parlamento de Galicia tamén acordou hai uns días transferir á Xunta con carácter inmediato unha partida de dous millóns de euros procedentes do remanente de tesourería co fin de facerlle fronte ás necesidades orzamentarias derivadas da pandemia do COVID-19.

Outras forzas como o Grupo Común da Esquerda tamén dirixiron un escrito á Mesa para solicitar que se lles reduza a nómina que perciben, de 5.052 euros brutos ao mes, a unicamente a asignación fixa de pouco máis de 2.000 euros, para poder doar o resto.

Pola súa banda, a coordinadora de En Marea, que formaban parte do Grupo Mixto do Parlamento, tamén anunciou que faría unha contribución á loita contra o coronavirus, que sairá tanto do soldo dos seus deputados, dous dos cales forman parte da Deputación Permanente, como dos fondos da organización políticas. A doazón ingresarase tanto na conta do Sergas como na doutras organizacións que están a loitar contra a pandemia.

DEPUTACIÓN

O Goberno da Deputación de Lugo decidiu doar o 30% do salario do mes de abril dos 13 deputados e deputadas do PSdeG e do BNG que conforman o Executivo provincial para paliar os efectos derivados da crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19.

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou que con esta medida, “máis alá da contía económica que pode supoñer esta doazón en si mesma, queremos que sexa un xesto de solidariedade coa cidadanía e coas empresas que perderon os seus ingresos habituais e que están atravesando momentos difíciles”. Ademais, engadiu, “como responsables políticos, como persoas con vocación de servizo público, temos que dar exemplo nesta crise sanitaria que ten un gran impacto económico e laboral. Hai actos como esta doazón dunha parte dos nosos soldos co que, sen solucionar o grave problema sanitario, queremos sumarnos á gran resposta de solidariedade que está amosando a sociedade lucense con quen o está pasando peor e enfrontándose en primeira liña a esta situación”.

O Executivo provincial quere que a cantidade que doen dos seus salarios se destine a paliar os efectos derivados do impacto da crise do coronavirus. “Estamos nun momento no que cómpre fortalecer a nosa sanidade pública, o estado de benestar e a reconstrución económica e social. Como representantes de todos os veciños e veciñas da provincia ao fronte desta institución debemos seguir tomando medidas políticas no ámbito social e económico para paliar a crise, fixémolo e seguirémolo facendo, pero tamén creo que debemos amosar que podemos poñer o noso grao de area persoal nesta causa”, afirmou o Presidente.

Na mesma liña, a Vicepresidenta, Maite Ferreiro, sinalou que a doazón é “só un xesto simbólico que en ningún caso substitúe o papel das administracións. Esta emerxencia sanitaria evidencia a necesidade de afortalar a sanidade pública, os servizos de protección social e a investigación; e iso require unha decidida aposta política polo público”.

Tamén os deputados provinciais do PP de Lugo doarán o 30% do seu soldo de abril e indemnizacións por asistencia a órganos colexiados da Deputación para loitar contra o COVID-19. O grupo provincial quere agradecer tamén toda a axuda e doazóns que particulares e empresas da provincia está realizando.

O importe correspondente á doación dos deputados provincias de Lugo irá destinado á compra, por medio da Xunta de Galicia, de material sanitario para a loita contra o coronavirus.

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Javier Castiñeira, destaca o compromiso de todos os deputados do PP para contribuír ás necesidades derivadas desta pandemia. “É o momento de colaborar, porque toda a axuda é importante para loitar contra esta pandemia”, sinala.

POLÍTICA LOCAL

Tamén diferentes grupos da política local tomaron esta decisión como os concelleiros socialistas de A Pastoriza que malia non recibir retribución económica o que decidiron foi doar as dietas que percibirán pola asisitencia aos vindieros plenos municipais para a loita contra a pandemia.

Os catro concelleiros de Abadín tomaron a mesma decisión tras manifestar tamén a súa disposición a axudar a aqueles veciños que o necesiten.