Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Rouco denuncia a parálise de Llano e o do seu equipo ante a crise do coronavirus

Por 8 Abril, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular burelés, por medio do seu portavoz Manuel Rouco, denuncia “a parálise absoluta” na que está instalado o alcalde, Alfredo Llano, e o seu equipo de goberno, significativamente o concelleiro de Sanidade, José Díaz. “A día de hoxe, levamos dende o pasado 25 de marzo, ou sexa, dende hai dúas semanas, sen reunións do comité de seguimento da crise do Covid-19, sen que se nos transmita información de ningún tipo sobre o que se fixo nestes últimos días, nin sobre o que está previsto facer”, indica o portavoz popular.

Rouco sinala que “o concelleiro de Sanidade está desaparecido, e iso que cobra unha dedicación parcial. Iso si, vemos que está moi preocupado por informar sobre suspensión de concertos, o que non nos parece mal, pero nada interesado en informar sobre o que está a facer o Concello en materia de saúde pública dentro das súas competencias; por exemplo, non sabemos como se ten distribuído o material de protección individual que a Xunta ten remitido á entidade local”.

O portavoz popular indica que “o que parece preocupar a Llano é como facer o pleno telemático, tentando colgarse a medalla de ser o primeiro Concello da Mariña en facelo. Pero nada coñecemos das actuacións que ten previsto aplicar en materia de axuda ao tecido comercial, vía axudas ou exención do pago de certos impostos e taxas públicos, e en materia de emerxencia social. E tampouco temos resposta a unha petición de información que formulamos por escrito en relación co Covid-19, na que solicitabamos copia da documentación acreditativa, da recepción de EPIs por parte do Concello de Burela durante o estado de alarma xerado pola crise sanitaria e do reparto deses EPIs por parte do mesmo”.

Neste sentido, previamente, xa hai tres semanas, tamén se solicitou información, entre outra, relativa ao informe elaborado pola concellería correspondente relativo ao servizo do SAF e coincidente coa crise do Covid-19, listado de instalacións remitido ao Ministerio do Interior e postas á disposición polo Concello de Burela, protocolos elaborados polas diferentes concellarías para incrementar as medidas de seguridade e o plan de desinfección de espazos públicos que se está a realizar, segundo explica Rouco. 

Rouco lamenta que “Llano continúe ao seu ritmo de traballo, ou sexa en punto morto, cando outros municipios están tomando medidas e promovendo axudas variadas. Burela pode perder unha parte substancial do seu tecido comercial, e sen dúbida está a perder  definitivamente o tren de liderar propostas de activación económica e social ante a crise sanitaria que estamos a vivir e a económica que continuará logo de rematada a sanitaria”, conclúe.