Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Nova campaña para animar á cidadanía a consumir produtos do mar

Por 9 Abril, 2020Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, de que a Xunta vén de lanzar unha campaña de promoción e divulgación que ten como obxectivo animar á cidadanía a consumir produtos do mar durante a situación de estado de alarma ocasionada polo coronavirus. A medida pretende recoñecer ao mesmo tempo o importante esforzo que está a facer o sector extractivo no escenario actual de confinamento, no que só están a traballar as actividades esenciais e no que o complexo mar-industria ten un papel fundamental para asegurar o abastecemento de alimentos de calidade á sociedade.

A representante do Executivo galego comunicou durante a celebración dunha videoconferencia co ministro e co resto de conselleiros autonómicos do ramo que Galicia vai promover deste xeito o consumo de produtos pesqueiros para enxalzar o labor realizado por este sector desde que comezou a alerta sanitaria. A iniciativa, que botou a andar baixo o lema Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco, enxalza o papel dos centos de homes e mulleres que saen cada día a faenar para que os consumidores poidan acceder a peixe fresco, un produto que aporta, entre outros beneficios saudables, esa vitamina D que non se pode obter do sol estando recluídos no fogar. 

O obxectivo da Xunta é impulsar o consumo e os prezos dos produtos pesqueiros así como recoñecer o esforzo e entrega dos profesionais do mar para que a frota que segue operativa poida desenvolver a súa actividade en condicións de rendibilidade a pesares das dificultades derivadas da alerta sanitaria e da declaración do estado de alarma decretada polo Estado como consecuencia da expansión do COVID-19.

Neste sentido, a conselleira do Mar lembrou que adquirir produtos do mar galego nestes momentos supón apoiar ás arredor de 40 lonxas que seguen abrindo as súas portas cada día, ás máis de 10.000 mulleres e homes que saen ao mar, ás praias ou ás bateas cada xornada deste período de estado de alarma e que poñen no mercado case 700 toneladas de distintos alimentos de gran calidade así como ás arredor de 2.000 embarcacións que saíron ao mar nestes días dos portos galegos para faenar.

Rosa Quintana subliñou que o labor extractivo é unha parte fundamental da cadea de subministro e salientou que é imprescindible garantir o seu funcionamento e operatividade para ofrecer produtos de calidade á sociedade. Por iso, a campaña de promoción trata de fomentar o consumo e enxalzar o importante labor da frota pesqueira galega para manter, a pesares das dificultades de poñer en práctica as medidas preventivas fronte ao coronavirus, a oferta de proteína mariña á cidadanía neste momento excepcional.

Demandas ao Goberno

A titular de Mar aproveitou a videoconferencia co ministro para reiterarlle a solicitude de aclaración, remitida por Galicia ao Ministerio de Sanidade a semana pasada, sobre se o Estado segue a considerar o marisqueo e a extracción de recursos específicos como unha actividade esencial durante o estado de alarma a pesares de que as canles comerciais dos seus produtos están pechadas de facto e as vendas caeron máis dun 96% desde que comezou a alerta sanitaria polo coronavirus.

Ante esta situación, a representante do Executivo galego expuxo a posibilidade de que o Goberno central estude un cese de actividade para o conxunto do sector -dado que asumiu esa competencia coa declaración do estado de alarma- e solicitou a simplificación dos trámites para acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade por parte dos autónomos do mar dadas as dificultades que implica a súa tramitación na situación actual.

Rosa Quintana tamén trasladou a Luis Planas a demanda do complexo mar-industria galego de que o Estado devolva de xeito áxil e urxente o IVE aboado polas empresas do sector pois eses recursos permitiríanlles contar con liquidez para adquirir materias primas e aboar os salarios do persoal contratado para poder aumentar a produción ante a maior demanda. 

A conselleira do Mar fixo referencia ademais á proposta de Bruxelas de medidas de apoio ao sector marítimo-pesqueiro ante a crise polo coronavirus incidindo en que recolle boa parte das demandas de Galicia e supón un avance en relación coa proposta inicial, pero asegurou que podería ser máis ambiciosa. Neste sentido, lembrou a importancia de que se inclúan entre os beneficiarios de axudas os mariscadores a pé, os profesionais que seguen coa súa actividade ou o sector transformador e auxiliar do eido marítimo-pesqueiro.

A maiores, a representante da Xunta expuxo as accións desenvolvidas polo Executivo galego en favor do sector, como o envío de material de protección ás lonxas, a flexibilidade no pago das taxas nos peiraos autonómicos, liñas de apoio ás empresas do sector para obter financiación ou a campaña para animar a consumir produtos do mar, entre outras.