Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Modificadas as datas dos exames de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro

Por 11 Abril, 2020Sin comentarios

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar vén de publicar unha resolución pola que modifica as datas de celebración dos exames ordinarios de carácter libre para as titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente ante a actual situación de estado de alarma como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus.

As probas, que estaba previsto realizar este mes e para as que estivo aberto o prazo de matrícula entre o 27 de xaneiro e o 28 de febreiro, pasan a celebrarse no mes de xullo nos centros de formación neste eido dependentes da Xunta: o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

No caso da titulación de mariñeiro pescador, e tendo en conta o número de matriculados, o exame teórico-práctico centralizarase o día 3 de xullo na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira. Este mesmo centro acollerá polo mesmo motivo as probas para a titulación de patrón local de pesca (sección máquinas), que será o vindeiro 9 de xullo, e as de patrón local de pesca (sección ponte e común), que será un día despois, o 10 de xullo. Por último, os exames para a titulación de patrón costeiro polivalente (sección máquinas) serán o 1 de xullo e os de patrón costeiro polivalente (sección ponte) ao día seguinte, o 2 de xullo, e celebraranse nos tres centros dependentes da Consellería do Mar.

A resolución emitida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro tamén establece que aquelas persoas que estivesen matriculadas para algún destes exames e non queiran participar neles como consecuencia do cambio de datas poden solicitar a devolución das taxas correspondentes. Os centros publicarán o horario de realización dos exames nas xornadas previas ás datas das probas.