Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Anmupesca denuncia a súa total indefensión ante a crise sanitaria

Por 12 Abril, 2020Sin comentarios

A Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca, Anmupesca, vén de denunciar o estado de indefensión e desatención absoluta no que se atopan ante a epidemia do coronavirus. A entidade dirixiuse ao Goberno central e a algúns dos autonómicos naquelas Comunidades nas que está presente solicitando medidas que paliasen a débil situación na que se atopan as súas socias, sen que se tivo resposta algunha ata o momento. “Pídennos que sexamos un dos alicerces garante da soberanía alimentaria desta situación sen ofrecernos medidas de seguridade coas que facer fronte a unha pandemia que nos ameaza persoal e familiarmente”, asegura Rita Míguez, presidenta de Anmupesca.

A representante da entidade que suma en España a 15.000 mariscadoras, percebeiras, armadoras, redeiras, pescantinas, biólogas e outros perfís profesionais das mulleres da pesca destaca que ata o momento “ningún responsable estatal ou autonómico dirixiuse a nós para ofrecernos equipos de protección individual ou para interesarse se reunimos as condicións mínimas esixidas polas autoridades sanitarias para traballar cunhas garantías esenciais de seguridade as nosas actividades”.

Neste senso, Rita Míguez destaca que “unha vez máis se constata o total e absoluto descoñecemento das nosas profesións, xa que non saben que as mariscadoras e percebeiras compartimos espazos mínimos durante a nosa actividade, chegando a estar moi xuntas ata 50 e 80 persoas en base a horarios e esixencias das mareas, como poden ser no retorno da faena, a revisión do produto, o pesado e a súa manipulación, entre outros”.

Do mesmo xeito, descoñecen o feito de que as pequenas armadoras “teñen serios problemas para poder garantir, por exemplo, nun barco de 14 metros a distancia mínima esixida para que non se produzan contagios entre os seus tripulantes e que segundo a lexislación vixente en risco laborais, o responsable máximo sanitario da embarcación é o patrón, e que estes se negan a tripular os barcos #ante o risco de infección dos seus mariñeiros”.

Precarias situacións e itinerancia

Ademais, no caso das rederas, “ás precarias situacións nas que se prestan o seu traballo a diario, en instalacións non adaptadas, de modo itinerante en portos e en barcos segundo demanda, na maioría das ocasións sen os servizos hixiénicos mínimos, etc, únese o feito de que moita da súa materia prima procede do mercado asiático, polo que están a ter tamén problemas de abastecemento; iso sen esquecer que se pairan os barcos, as rederas, deixan de traballar”.

O último escalafón das mulleres da pesca na cadea de produción atópase nas pescantinas que están a destinar fondos propios a abastecerse de epis cos que poder garantir unhas mínimas condicións de hixiene no transvasamento de produto ao consumidor, asegura Rita Míguez.

A todo iso hai que engadir o condicionante de que a maioría das mulleres que realizan estas tarefas “son mulleres de máis de 50 anos que arrastran doenzas e enfermidades de carácter renais, reumáticas, cancros, etc. polo que elas mesmas son xa en si un grupo de risco ao que hai que engadir que teñen maiores e/ou netos ao seu cargo”, co que o risco de contaxio pesa máis a nivel emocional.

Aplauso e recoñecemento

“Con isto, sinala a presidenta de Anmupesca, aplaudimos e apoiamos a todos aqueles compañeiros que poidan desenvolver a actividade para seguir abastecendo á poboación dun alimento básico como é o peixe, podendo cumprir coas condicións en materia de prevención polo Covid-19”. Con todo, “cabe destacar que non toda a actividade do sector extractivo é igual, sen esquecer que hai outros subsectores que non podemos levar a cabo este compromiso ao non poder adoptar as medidas preventivas contra o coronavirus”, engade.

Neste senso, “estamos moi orgullosas de ser un alicerce dos sectores primario e alimentario do país, pero moitas de nós e dos nosos compañeiros estamos a sacrificar a nosa saúde e expoñendo a dos nosos familiares sen ningunha garantía da nosa seguridade e protección”.

Por todo iso, Anmupesca solicita ao Goberno unha resposta clara e concisa: o cesamento de actividade por forza maior naqueles subsectores da pesca que non poidan adoptar as medidas de prevención de riscos laborais establecidas por esta pandemia.