Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O BNG pide que a Xunta garanta o acceso ás máscaras das persoas que manteñen a actividade

Por 12 Abril, 2020Sin comentarios

Á vista de que o luns se reiniciará parte da actividade económica despois do parón de dúas semanas como medida para frear a expansión do COVID-19, o BNG pídelle á Xunta de Galiza que estableza as medidas para garantir o acceso aos equipos de protección a todas aquelas persoas que teñen que saír dos seus domicilios cando aínda segue en vigor o estado de alarma e a obriga de confinamento.

Desde a formación nacionalista manifestan que “ata estes momentos a Xunta achegou material aos concellos e a centros residencias en pequenas entregas que non son suficientes para atender á necesidade de EPI’s para o desenvolvementos das actividades esenciais; polo que moitas entidades locais tiveron que complementar este material con adquisicións propias para tentar ter os equipos o máis completos posibles.”

“Tamén os centros sanitarios teñen escaseza de material de protección, tendo que reutilizar máscaras que son dun só uso ou non podendo cambialas sempre que é preciso. Mesmo algúns centros foron dotados de material por medio de doazóns voluntarias ou polos propios concellos”, aseguran desde o BNG.

Neste sentido, sinalan que o reparto indiscriminado de máscaras que se está a realizar nalgúns concellos gobernados polo Partido Popular non garante as medidas de protección e consideran que se está a realizar como un acto propagandístico que, lonxe de axudar, pode empeorar ao dar unha falsa sensación de seguridade á xente e provocar saídas innecesarias de persoas que non deben facelo.

Por iso, solicitan que a Xunta tome o mando do reparto de material e priorice a súa chegada ás persoas que teñen que desenvolver os seus traballos, desde persoal sanitario, limpeza, transporte ou xente do mar; que teñen dificultade para atopar máscaras, mentres varios concellos galegos anuncian repartos indiscriminados.

Desde o BNG lembran que as farmacias seguen sen recibir este material e, polo tanto, non se está garantindo o acceso universal e a un prezo razoable ao mesmo. “Polo que non pode ser que uns concellos decidan repartir polas casas máscaras sen ningún criterio e persoas que si as necesitan non poidan ter acceso a elas.”

A formación nacionalista manifesta que outras comunidades estableceron o acceso ás máscaras a través do sistema da seguridade social, contando con material nas farmacias onde se poden retirar, sendo a primeira unidade gratuíta. “Ese tipo de xestión é para garantir o acceso da poboación: de chegar a ser necesario o uso indiscriminado de máscaras, a Xunta debe garantir a existencia suficiente das mesmas e o seu acceso universal, regulando os prezos. Os repartos persoais son actitudes que só buscan réditos políticos”, conclúen.