Skip to main content
Actualidade

Comeza o reparto de máscaras na provincia

Por 14 Abril, 2020Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, confía en que “as máscaras enviadas polo Executivo servirán para que todos os lucenses que precisen utilizar o transporte colectivo para desprazarse ao seu posto de traballo dispoñan deste elemento para protexerse”. Así o manifestou á subdelegada ao comezar o reparto das máscaras enviadas polo Goberno con destino aos traballadores que non poden teletraballar e deben empregar o transporte público para acudir ao seu posto de traballo.

Isabel Rodríguez explicou que “a primeira hora da mañá comezamos a distribución das máscaras que proporciona o Goberno aos traballadores. Esta fin de semana recibimos 74.000 máscaras para os lucenses e hoxe, ás 6.40 horas, empezou o reparto, que se está a facer nos principais puntos de transporte público da provincia”.

A distribución faise nas estacións de autobuses e do tren das principais localidades da provincia, así como en lanzadeiras e paradas de buses urbanos, atendendo aos usuarios das liñas que dan servizo aos polígonos do Ceao, As Gándaras, As Arieiras e o HULA, entre outros destinos.

Ademais de na cidade de Lugo, repartiuse este material sanitario en localidades como Monforte de Lemos, Viveiro, Burela, Foz, Ribadeo, Vilalba, Chantada e Sarria.

A subdelegada lembrou que, como xa aclarou o Goberno, o uso das máscaras “non é obrigatorio, pero sí recomendable” e destacou a necesidade de que todos nos impliquemos na loita contra ao virus.

Rodríguez puxo de manifesto, neste sentido, a importante colaboración das distintas institucións para chegar ao máximo posible da poboación traballadora e agradeceu o esforzo de todas as persoas que colaboran no reparto deste material sanitario.

O reparto estase a facer, baixo a coordinación da Subdelegación do Goberno, coa participación da Policía Nacional e da Garda Civil e contando co apoio de policías locais e agrupacións municipais de protección civil.