Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Comeza a aplicarse o sistema de plenos telemáticos nos concellos da provincia

Por 15 Abril, 2020Sin comentarios

O novo servizo gratuíto de cooperación cos concellos que activou a Deputación de Lugo a través do que lles ofrece asistencia técnica, asesoramento e colaboración para que poidan celebrar vía telemática plenos, xunta de goberno e órganos colexiados en xeral durante obtivo unha boa acollida por parte das entidades locais da provincia. “Dende o día que demos a coñecer esta prestación, hai pouco máis dunha semana, xa percibimos interese por esta iniciativa que facilita a xestión municipal na actual situación de crise sanitaria polo coronavirus Covid-19”, subliñou o Deputado de Promoción Económica e Social.

Concellos como o de Xermade xa fixaron para esta semana a celebración dun Pleno de maneira telemática co soporte técnico da Deputación e outros, como os de Burela, Foz ou Lugo, puxéronse en contacto co servizo provincial de Novas Tecnoloxías para pedir asesoramento e información e para resolver dúbidas.

Con esta iniciativa, a Deputación continúa adoptando as decisións ao seu alcance para cooperar cos concellos na loita para paliar os efectos da crise sanitaria, axudándolles a que podan seguir traballando, coa maior normalidade posible, en todos aqueles trámites que teñen como obxectivo a mellor atención á veciñanza.

O soporte técnico ofrecido pola Deputación permite ós concellos que poidan continuar celebrando, de maneira segura e eficaz, todas aquelas sesións de órganos colexiados que resultan importantes ou mesmo imprescindibles para sacar adiante trámites, procedementos ou medidas que inciden no benestar da cidadanía e no impulso da actividade económica do municipio.

Este novo servizo gratuíto de cooperación cos concellos funciona baixo demanda a través do departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación. Opera a través dunha aplicación de videoconferencias na rede que permite conexións entre todo tipo de dispositivos (ordenadores de sobremesa e portátiles, teléfonos móbiles ou táblets). Trátase dunha ferramenta doada de usar e intuitiva.

O servizo de Novas Tecnoloxías estuda a particularidade de cada consistorio solicitante e recoméndalle a solución tecnolóxica máis acorde coas súas características e medios dispoñibles. Ofértanse varias opcións de colaboración, dende só asesoramento ata facer un seguimento de toda a sesión e a retransmisión por streaming a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.

Esta medida desenvólvese de acordo á modificación da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local acordada polo Consello de Ministros e publicada este 1 de abril, que recolle a posibilidade de que os órganos representativos locais e de goberno, así como outros órganos colexiados locais se poden reunir de maneira telemática e adoptar acordos durante o estado de alarma.

Esta asistencia aos concellos para celebrar órganos colexiados vía telemática súmase á que xa vén ofrecendo a Deputación de maneira habitual en materia  xurídica, de recursos humanos ou económica-financieira, entre outras moitas liñas de colaboración.

Froito do firme compromiso da Deputación coa cooperación cos concellos tamén é o Plan Único 2020, que inxectará de maneira directa nos 67 concellos da provincia 21,3M€ e que foi adaptado polo Goberno provincial para que os concellos poidan dispoñer de 10,6M€ para cubrir medidas sociais ante o coronavirus. Ademais, o Presidente decidiu adiantarlle aos concellos que teñen delegado o cobro de impostos, os pagos mensuais previstos correspondentes aos meses de abril, maio e xuño, o que supoñerá a entrada inmediata de preto de 11M€ nas arcas municipais.