Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A plataforma de venda on line de Mondoñedo incorpora un kit para facer pan

Por 16 Abril, 2020Sin comentarios

A plataforma de venda on line do Concello de Mondoñedo, www.themondonedovalley.com, incorpora un novo produto local, un kit para facer pan de Mondoñedo que estará dispoñible a partir deste mércores 16 de abril.

O Concello de Mondoñedo abriu esta ventá de comercialización tanto aos produtores de hortalizas para dar saída aos seus produtos ante a suspensión dos mercados como medida preventiva contra a propagación do coronavirus coma aos negocios locais que neste momento están pechados. Deste xeito, está a disposición de tódolos comercios de Mondoñedo que queiran unirse e continuar a súa actividade a través desta plataforma.

Neste caso, a través de www.themondonedovalley.com comercializarase este kit impulsado polo empresario mindoniense do sector do pan, Waldo González-Redondo, debido “ao incremento da elaboración de produtos alimentarios nos propios fogares neste tempo de confinamento con motivo do estado de alarma”.

O kit consta dunha caixa con todos os ingredientes necesarios para facer pan de Mondoñedo que inclúe 3 quilos de fariña de forza; 1 quilo de fariña de trigo do país procedente de Mondoñedo, Lourenzá e O Valadouro; 1 quilo de masa madre; 1,5 litros de auga de manancial de Galicia; 80 gramos de sal e unha guía para a súa elaboración que recolle indicacións para elaborar tanto barras, como baguettes, bolos ou bases para pizzas e empanadas.

O propio empresario mindoniense do sector panadeiro subliña que “todos os ingredientes son seleccionados por nós mesmos” e pon en valor que se incorpora “fariña de trigo do país moída en muíños de pedra e masa madre da panadería Rubal que conserva o estilo tradicional que vén empregando dende o ano 1965”.

O prezo do kit é de 24 euros, incluídos impostos e transporte para a península. Con todo, tamén se baralla a posibilidade de facer envíos ás illas e ao resto do mundo para o que sería preciso consultar os prezos dos envíos. “Trátase dunha iniciativa que pretendemos manter no tempo para facilitar aos galegos que emigraron e que viven fóra acceder ao pan tradicional galego tal e como se facía antes. A pesar de que non dispoñan de forma de leña, tamén se pode facer pan no forno eléctrico ou nos das cociñas de ferro”, segundo explica Waldo González-Redondo.

Balance da plataforma

Son numerosos os negocios que están valorando sumarse a esta plataforma on line que o Concello de Mondoñedo puxo en valor como ferramenta útil para a distribución dos produtos locais na actual situación de confinamento da poboación durante o estado de alarma. De feito, recentemente, sumábase tamén á plataforma un kit de Hortalizas de María, con legumes de temporada.

O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alberto García, valora positivamente o funcionamento desta plataforma que “funciona a bo ritmo” con distintos pedidos -entre os que se atopan as recoñecidas Tartas de Mondoñedo- a destinos como Santiago de Compostela, Lugo ou Barcelona. 

O edil anima, polo tanto, ao resto de negocios que están pensando sumarse; xa que “neste momento supón unha gran oportunidade de negocio”.