Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Burela pon en marcha un servizo de asesoramento laboral para autónomos e pemes

Por 16 Abril, 2020Sin comentarios

O Concello de Burela pon en marcha un novo servizo de asesoramento para autónomos e pemes durante o estado de alarma. As persoas destes sectores que precisen realizar algunha consulta poderán facelo desde mañá, xoves, no teléfono 982 58 60 00. O alcalde burelés, Alfredo Llano, subliña que o Concello tamén está colaborando co IES Perdouro para repartir ordenadores portátiles entre o alumnado que non conta con esta ferramenta de estudo e de traballo.

O rexedor contou que “desde o Concello de Burela estamos procurando facer aquilo que mellor poidamos solucionar con respecto a todo o que está acontecendo derivado da pandemia do coronavirus. En principio procuramos axudar a todos os colectivos que nolo piden e estamos distribuíndo material e atendendo ás persoas que están soas. Imos procurando facer un servizo que desde logo corresponde ao Concello e penso que o estamos levando adiante de forma rigorosa, voluntaria en moitos casos, que creo que está funcionando ben”.

Alfredo Llano subliñou que “unha iniciativa que imos levar adiante a partir de mañá é un servizo de información en materia laboral ás empresas, ás pemes e aos autónomos, que queiran preguntar algunha cousa que lles preocupe. Vaise facer a través do teléfono 982 58 60 00 que é o do Concello, e xa desde aí desvían as consultas a dúas persoas para que lles consulten temas de carácter laboral ou de emprendemento tamén, porque cremos que agora mesmo pode haber algunha persoa que estea interesada en ir pensando en montar algunha empresa. Hai que procurar falar sempre en positivo con ganas e esperanza para poder asumir o futuro da mellor maneira posible. Polo tanto imos asesorar tamén á xente que queira emprender en cuestións de materia laboral e tamén ás empresas e ás pemes de Burela que queiran consultar algo. Esperemos que funcione ben”.

Por outra banda, o alcalde burelés explicou que “estamos colaborando co IES Perdouro, agora de momento, na distribución de ordenadores a diferentes veciños para os alumnos que o necesiten, xa que ben carecen de conexión a internet ou dun ordenador portátil. Polo tanto estamos axudándolles a facer da forma máis rápida posible a entrega dos ordenadores a estes alumnos que teñen algunha necesidade”.