Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O barco Carla, atracado en Burela, atópase en corentena

Por 17 Abril, 2020Sin comentarios

O alcalde, Alfredo Llano, amósase contento de que os 16 tripulantes do barco Carla, de bandeira francesa e armador asturiano, que leva uns días atracado no porto burelés, deran negativo no último test do Covid-19 que lles foi practicado. A tripulación deberá estar en corentena ata o 29 de abril. O rexedor explica que serán as autoridades sanitarias internacionais as que decidirán si lle permiten ao barco saír de Burela rumbo a alta mar e así prepararse para faenar. Tanto a tripulación como o Concello están moi pendentes do ditame que se poida emitir.

Alfredo Llano declarou que “estes días estivemos moi atentos ao que ocorría nun barco con bandeira francesa, cuxos propietarios son asturianos, e que ven descargar moitas veces ao noso porto, por iso son coñecidos e por iso viñeron agora. Neste barco fixeron as probas a toda a tripulación para ver se tiña algún dos tripulantes o coronavirus, tardaban cinco días en darlles a resposta, entenderon que podían marchar facer a faena e ao pouco tempo chamáronos porque un deles dera positivo. Viñeron outra vez para o porto de Burela, aí fíxose un seguimento a través das autoridades sanitarias, fixéronse as probas para ver se algún estaba afectado polo coronavirus e deron os 16 tripulantes negativo, incluído o que se sospeitaba que era positivo. Iso foi unha alegría grande”.

O alcalde burelés sinalou que “agora mesmo, aínda que deran negativo, hai que agardar unha corentena que foi enmarcada desde o 15 ao 29 deste mes de abril. A corentena poden facela no barco ou nos propios domicilios, pero a tripulación non é soamente asturiana ou galega senón que hai portugueses, etc. O propio capitán do barco dixo que o mellor sería marchar do porto de Burela e facer a corentena na embarcación. É unha forma de garantir que non haxa máis contaxios, pero a súa proposta ten que ser ratificada por Capitanía Marítima que pide un informe de saúde con todas as probas que se fixeron aquí e os resultados, a ver se acceden a deixarlles ir a augas francesas. Este barco ten un lugar onde vai pescar que está a 80 millas de Francia e a 80 millas de España, o que favorece que poidan desprazarse rapidamente a un porto por se houbera algunha cuestión de saúde que lles preocupara.  Polo tanto están agora mesmo nesta fase. Por esa razón estase agardando o resultado de saúde internacional para decidir unha postura que vaia máis acorde coas pretensións que ten o capitán. Niso están”.

O rexedor agarda que “non tarden moito en decidir, que saia todo ben e, desde logo, estamos todos contentos de que agora mesmo os 16 tripulantes estean perfectamente para seguir a súa vida normal”.