Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Daniel Vega defende a creación dunha comisión técnica consensuada con todos os grupos

Por 20 Abril, 2020Sin comentarios

Os populares ribadenses propoñen a creación dunha comisión técnica público-privada consensuada con todos os partidos da corporación municipal e que dea voz aos distintos sectores implicados de cara ao establecemento dunha estratexia económica para paliar e actuar de maneira inmediata ante as consecuencias derivadas da crise económica provocada polo COVID-19 e impulsar a actividade económica no concello de Ribadeo.

O voceiro do Grupo Municipal do PP, Daniel Vega, sinala a necesidade de “outorgar liquidez ás empresas da nosa vila para axudar ao mantemento da actividade e así acadar a debida protección do emprego ao mesmo tempo que se contribúa a facilitar o cumprimento das obrigas empresariais”.

O obxectivo debe ser o de “protexer o interese xeral da cidadanía de Ribadeo para minimizar o impacto da crise económica provocada polo COVID-19 para que, unha vez finalizada a alarma sanitaria, se produza canto antes una reactivación da economía da nosa vila actuando directamente sobre os sectores e as persoas físicas e xurídicas máis afectadas, como autónomos, PEMES, traballadores e familias”, expoñen dende o Grupo Municipal Popular ribadense.

Así, as medidas inmediatas para o impulso económico que se teñen que levar a cabo, segundo os populares de Ribadeo, son o apoio a autónomos e PEMES a través dun gabinete técnico, as axudas directas para persoas físicas e xurídicas con ou sen traballadores ao seu cargo cando a actividade que desenvolvan se tivese visto afectada polo peche de establecementos, e as axudas directas a aquelas persoas físicas, traballadores por conta allea que experimentaran unha merma nos seus ingresos a consecuencia de ser incluídos nun expediente de regulación temporal de emprego ou tiveran a  necesidade de solicitar excedencia ou redución de xornada para a atención de fillos.

Medidas de futuro

O Grupo Municipal do PP engade, ademais, que “non podemos quedarnos na inmediatez, temos que traballar para o futuro, con outro conxunto de medidas” que inclúen o apoio e promoción do tecido empresarial de Ribadeo, coa creación dun portal web onde deben estar integrados o sector primario do concello, o comercio local e o sector servizos, o apoio ao emprendemento e a instalación de novas empresas cunha simplificación dos trámites, un forte asesoramento e medidas fiscais que favorezan a creación de novo tecido empresarial e por suposto a reclamación ao Goberno central do IVE adebedado ao Concello.

Tamén piden a esixencia á Entidade Pública Empresarial do Solo (SEPES) da redución do coste das parcelas do polígono industrial para favorecer a implantación de empresas e o apoio á organización de actividades culturais, deportivas e lúdicas ao longo de todo o ano cunha planificación que, ao mesmo tempo que congrega aos ribadenses, atraia visitantes e, polo tanto, contribúa a desestacionalizar o turismo.

Desenvolvemento económico local

Daniel Vega explica que “o papel dos Concellos na crise económica e de emprego que nos vai tocar vivir é clave porque a administración do estado e autonómica proporcionan recursos estándares que unicamente os concellos poden ensamblar e adaptar á súa realidade local particular, exercendo as súas competencias en materia de desenvolvemento económico local e emprego”. É dicir, á entidade local correspóndelle “o deseño dunha estratexia de promoción económica coa que poñer en valor os recursos e proceder á adaptación dos programas ás necesidades locais”.

Colaboración doutras administracións

Os populares apuntan que “para levar a cabo esta estratexia se precisan fondos e para iso pódese empregar o Fondo de Cooperación Local que foi incrementado nun 6,6% pola Xunta neste exercicio, o Plan Único ou incluso xerar unha partida de recursos propios para esta finalidade empregando, por exemplo, a devolución de impostos municipais por parte da Deputación ou calquera outro orzamento.