Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Centro Comercial Aberto de Foz pon en marcha unha plataforma web de venta

Por 20 Abril, 2020Sin comentarios

O Centro Comercial Aberto de Foz pon en marcha unha plataforma web de venta online, que estará operativa no prazo dunhas catro semanas.

O presidente de Acia/CCA, José Carlos Paleo, explica que “se trata de contar cunha aplicación web, cunha ferramenta de traballo, que será un centro comercial virtual, onde cada asociado e asociada contará co seu espazo individual para dar a coñecer os seus produtos, as súas ofertas… e para poder vender online todo o que teña en tenda”.

Para Paleo “é importante ir adaptándose o antes posible as novas tecnoloxías e ás novas formas de venta para poder competir en igualdade de condicións coas grandes plataformas de venta online que operan en todo o mundo. Tócanos vivir unha época de confinamento, na que as tendas máis próximas están pechadas, e na que a maioría non contan con este servizo, que si estivese operativo lles permitiría xerar ingresos e seguir traballando aínda que de xeito diferente”.

O presidente de Acia/CCA de Foz considera que “temos que estar preparados para os novos tempos que poidan vir. De aí que esteamos a traballar na posta en marcha canto antes deste centro comercial virtual”.

A aplicación web de venta online contará cunha presentación do Centro Comercial Aberto de Foz e con diferentes seccións. Haberá un escaparate individual ou privado para cada negocio participante con xestor de contidos para o mantemento e actualización de produtos, fotografías, textos, etc… Na tenda online os artigos estarán clasificados en diferentes niveis, contará con buscador por nomes ou categorías, disporá de carriño da compra e realización de pedido online, entre outras posibilidades. As condicións de venta terán que ser definidas por cada tenda: os prazos de entrega; os custes de envío; as devolucións; as formas de pago a través de Paypal,  tpv virtual, transferencia, contra reembolso…; o seguimento online dos pedidos, etc.

Paleo engade que “o obxectivo é que esta nova ferramenta de traballo estea lista para mediados do mes de maio. Nesas datas podería rematar o estado de alarma e queremos estar preparados para ofrecerlles ao nosos socios e socias esta posibilidade e á súa clientela, á que teñen en Foz e na súa contorna e a esa outra que visitaba a localidade con frecuencia, porque contan con segunda residencia aquí, ou porque viñan aos hoteis pasar as súas vacacións e eran fieis clientes do comercio focense. Queremos que o sigan sendo, cando poidan vir aquí, pero tamén que o sexan desde as súas casas. Este centro comercial virtual ten como destinataria á clientela do comercio de Foz, sexa de onde sexa e estea onde estea”.