Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os populares de Burela reiteran as medidas económicas e sociais solicitadas

Por 20 Abril, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular reitera a necesidade de “aplicar as medidas económicas e sociais que solicitamos por escrito xa no pasado mes de marzo” porque “os autónomos e pequenas empresas o que queren son solucións, é dicir, medidas concretas”.

Así o manifestan dende o PP local ante “as declaracións do señor Llano anunciando a posta en marcha dun servizo municipal de asesoramento a autónomos e pequenas empresas ante a crise que estamos a vivir” que consideran “un xesto, unicamente, de cara á galería”.  Para os populares “o que quere o tecido económico da nosa vila é que o alcalde e o seu goberno poñan en marcha liñas de axudas económicas como están facendo noutros concellos coma Lugo, Riotorto ou Ribadeo”.

Medidas concretas

A proposta rexistrada por escrito polos populares inclúe “exonerar do pago de diversas taxas aos autónomos e empresarios afectados pola crise (lixo, auga, terrazas, …), adiar ou fraccionar o pago de diversos impostos municipais (IBI,…) e ampliar un fondo de continxencia de axudas sociais que actualmente está dotado tan só con 17.500 euros; ademais de aplicalo de forma inmediata”.

Neste sentido, os populares de Burela lamentan que “a xestión do goberno local socialista en relación ás medidas económicas para contribuír a paliar a crise que están a sufrir os autónomos e pequenas empresas está a ser inexistente”. E critican que “o único que fai o alcalde é demorar a toma de decisións, tanto que pasou por alto as nosas propostas na comisión de seguimento da crise xa hai máis dun mes”.

“A situación require a unidade de tódalas forzas da corporación”

Dende o PP burelés afirman tamén que “a información que se nos traslada é a que nós solicitamos, formalmente e por escrito; non a que debería de saír da boa disposición informativa do alcalde Llano e do seu equipo de goberno nunha situación coma esta, na que cremos que se debería buscar a unidade de tódalas formacións presentes na corporación”.

Tal é así que, “co gallo de que se ía a buscar unha fórmula telemática para levar a cabo as reunións de seguimento da crise, seguindo criterios de seguridade, non se  levou a cabo ningunha nestas últimas tres semanas. Dá a sensación de que era para non informar aos partidos da oposición”, segundo cren dende a formación popular. En cambio, “a semana pasada e sen aviso, si se produciu unha reunión presencial entre membros do Concello e de parte dos sectores socio-sanitarios da nosa vila; unha iniciativa que, por outro lado, demandamos dende o PP dende o primeiro día”, sentencian.