Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Dez focenses contan xa co servizo de comida a domicilio Xantar na Casa

Por 23 Abril, 2020Sin comentarios

Comezou a funcionar en Foz o servizo de comida a domicilio Xantar na Casa, do que se benefician 10 veciños.

O alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explican que se trata dun programa dirixido a persoas maiores e dependentes e para a súa posta en marcha no municipio “asinouse un convenio por parte do Concello de Foz e do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar Social, da Consellería de Política Social, o 31 de xullo de 2019. Xantar na Casa é un servizo de comida a domicilio para facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade, adaptada evidentemente ás necesidades das persoas maiores ou dependentes, con déficit de autonomía persoal. Ademais disto as necesidades básicas e instrumentais desas persoas, por exemplo para xente que non pode ir facer a compra ou non pode elaborar a comida diaria”.

Fran Cajoto e Ana Rojo engaden que “o obxectivo principal é mellorar o nivel de benestar e a calidade de vida desas persoas beneficiarias e das súas familias, mantendo no seu entorno do fogar á persoa demandante do servizo e evitando ou retardando a institucionalización desas persoas. Dende o Concello de Foz avogamos porque cada persoa poida decidir e se quere vivir na súa casa poder darlle este tipo de servizos. A alimentación é de calidade, nutritiva e atendendo os casos de xeito personalizado e individualizado, o quere dicir que para unha persoa que ten hipertensión a dieta vai ser hiposódica e se ten colesterol será hipocalórica, baixa en graxas, etcétera. É comida tradicional pero ao mesmo tempo adaptada á liña en frío, que se chama así porque é cociñada e despois báixase a temperatura rapidamente para que non proliferen as bacterias. Sérvese en bandexas seladas, sen conxelar nin pasteurizar. É comida tradicional cocida e asada, pero non se frite. Sérvese incluso ata o pan ou empanada, sopa, caldo, … Todo tipo de comida tradicional que se coloca en bandexas e as condicións hixiénico sanitarias están garantidas”.

En canto ás persoas beneficiarias explican que “poden optar a este servizo persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e sen rede de apoio que poida suplir tal situación, o quere dicir que non vivan con ninguén que poida cociñarlles; ou persoas dependentes que carecen de apoio familiar e que requiren de axuda para a preparación de alimentos; ou tamén persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada polos Servizos Sociais, e sempre que se estea intervindo dende outro programa para resolver a súa situación de exclusión, como por exemplo unha persoa está recibindo o Risga. En canto aos custes, o Concello achega unha parte, a Administración autonómica outra e os usuarios abonan 1,67 euros, cantidade que é asumible”.