Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Galicia aportou 5.000 toneladas de moluscos e ourizo durante o estado de alarma

Por 23 Abril, 2020Sin comentarios

As funcións esenciais que mantén o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) durante o estado de alarma decretado polo Goberno central pola crise do coronavirus permitiron a extracción e posta no mercado de preto de 5.000 toneladas de moluscos -fundamentalmente mexillón-  e de ourizo nas catro semanas que van do 16 de marzo ao 12 de abril, o que contribuíu ao mantemento da cadea alimentaria na comunidade. Neste período, no que boa parte dos polígonos de bateas estaban abertos á extracción pola ausencia de biotoxinas, máis do 96% desas case 5.000 toneladas de produto extraído correspóndese con mexillón.

Durante as catro primeiras semanas do estado de alarma o persoal do Intecmar, repartido entre os que realizan teletraballo e os que fan traballo presencial, realizou máis de 650 análises de biotoxinas, de poboacións fitoplanctónicas tóxicas e de contaminación microbiolóxica, emitiu 25 informes de ensaio e actualizou a situación das zonas de produción de moluscos ata en 36 ocasións, entre outras funcións.

Este labor no control técnico-sanitario dos produtos do mar é básico para manter a actividade esencial para o subministro de alimento e permitiu a chegada ao mercado con todas as garantías sanitarias de preto de 4.800 toneladas de mexillón e de máis de 186 toneladas doutros moluscos e de ourizo. Deste xeito, coas súas funcións esenciais o centro dependente da Consellería do Mar vela polo cumprimento da lexislación en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar para garantir a seguridade alimentaria imprescindible para o abastecemento, un papel que tamén será clave na recuperación da actividade marisqueira unha vez que se levante o estado de alarma e o confinamento.

Dentro deste período, os datos dos que dispón a Consellería do Mar dos documentos de rexistro reflicten unha suba nas descargas de mexillón entre a primeira quincena do estado de alarma e a segunda. Entre estes períodos a extracción desta especie multiplicouse por máis de dous ao pasar de máis de 1.500 toneladas a superar as 3.200.