Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP de Burela rexistra un segundo paquete de medidas encamiñadas a mitigar a crise

Por 24 Abril, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular burelés, a través do seu portavoz, Manuel Rouco, expresa a súa solicitude ao Goberno municipal para a adopción de medidas concretas ante a crise do coronavirus.

Rouco, que adiantou o seu apoio incondicional á comisión de seguimento creada polo goberno municipal, xa que “esta crise sanitaria non ten distincións políticas nin sociais”, considera que “o alcalde e o seu goberno deben actuar en tres frontes, o sanitario, o social e o económico, e así o llelo fixemos chegar a través do rexistro electrónico do Concello, para que os estude e na próxima reunión da comisión de seguimento poida presentar medidas concretas”.

Para os populares, “o aspecto sanitario é fundamental, e o Concello ten algunha competencia emanada do texto refundido da Lei de Bases de Réxime  Local. Así, e a través da empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria, ou outra especializada, deberíase proceder á desinfección periódica, en función de criterios sanitarios, de espazos públicos susceptibles de presenza de persoas, aínda estando en vigor o estado de alarma, tales como os espazos inmediatos e próximos a tendas de alimentación e establecementos sanitarios de todo tipo. Esta medida estase a adoptar noutras cidades e vilas, mesmo semellantes á nosa”, manifestan.

Rouco considera que outro aspecto a ter en conta é a celebración do mercado dos venres, ante a falla de regulamento (anunciado en reiteradas ocasións por Llano). “Aínda que é probable que non compareza ningún vendedor, non estaría de máis que dende a alcaldía e o goberno municipal se adoptasen medidas ao respecto”, apunta.

No aspecto social, indica o popular, “consideramos imprescindible que o Concello teña un censo exhaustivo das persoas usuarias do SAF que precisen de axuda para retirar produtos farmacéuticos. A tal efecto, deberíanse arbitrar medidas, como fixeron outros concellos, para que persoal municipal ou do Servizo de Axuda no Fogar lles leven os medicamentos aos seus domicilios. E non só a estes efectos, se non a calquera outra situación de emerxencia que se lles presente”, destaca.

Para os populares, “os efectos económicos desta crise sanitaria xa se están a notar en Burela, e seguiranse a notar durante tempo”. Manuel Rouco considera que “o Concello non ten moita marxe de manobra, pero algunha ten. En primeiro lugar, deberíase elaborar un censo de autónomos e empresas afectados por esta situación, que están a ter redución de postos de traballo ou mesmo o peche da actividade. En segundo lugar, o alcalde e o goberno municipal deberán arbitrar as medidas oportunas para que esas actividades non abonen a parte correspondente do IBI en tanto sufran o impacto da crise, e, en todo caso, incrementar os prazos de abono do imposto, pasando dos dous actuais a alo menos catro. Mesmo se debe considerar a adopción de fórmulas para que os autónomos e empresas afectados poidan abonar o IBI deste exercicio para o vindeiro 2021”, defende.

Rouco tamén considera que “o Concello deber crear un fondo de continxencia para aquelas persoas actualmente en situación de desemprego, e para as que sufran tal situación producida polos efectos do coronavirus a partires de agora. Este fondo debería pasar por incrementar as partidas orzamentarias para axudas de emerxencia social reguladas na ordenanza reguladora de acceso as prestacions economicas municipais de emerxencia  ouurxente necesidade, dotada nos orzamentos prorrogados de 2019 para o presente 2020 con 17.500 euros, e abrir o período de solicitudes canto antes”, explica.

“Neste primeiro paquete de medidas, non estaría de máis exonerar do pago da taxa de recollida do lixo e da auga, así como a redución do imposto de terrazas, ou se é posible a súa supresión, durante o período de duración deste estado extraordinario, a todos aqueles autónomos e empresarios que se vexan afectados por esta crise”, conclúe Rouco.