Skip to main content

David, propietario de O Palique de Mondoñedo, viuse afectado pola crise sanitaria e tivo que pechar as portas do seu bar de momento sen data de apertura. Ao fronte do local atópanse el e a súa parella ademais dun empregado, e viuse na obriga de acollerse a un Erte para poder sobrelevar a difícil situación.

“Ao principio estivemos valorando se facer reparto de comida a domicilio, pero tras unha enquisa na vila, a xente non estaba moi disposta”.

O futuro valórao como moi complicado e di que “non temos claro cando poderemos retomar a nosa actividade, como serán as condicións, se estaremos limitados a un número de persoas no local…. veremos que pasará”. El tivo a boa sorte de que os seus caseiros non lle cobren o aluguer mentres dure esta situación, o cal agradece moitísimo, ademais de que puido aprazar pagos de luz e doutras cousas. 

A día de hoxe están esperando por unha solución ou algunha axuda, e en tal caso tramitar un pequeno crédito para poder aguantar xa que nesta vila vívese do traballo do verán, “acostumo dicir que colleitamos do verán para o inverno, e este vai ser moi duro. Sen o turismo da Semana Santa, os peregrinos ou posibles datas como o Mercado Medieval, que é moi dificil que se leve a cabo, vai ser moi complicado o que veña”.