Skip to main content
Actualidade

A Deputación reparte material de protección entre os concellos de menos de 20.000 habitantes

Por 25 Abril, 2020Sin comentarios

O Parque Móbil de Deputación provincial realizou onte a primeira fase do reparto de máscaras cirúrxicas para a protección dos veciños e veciñas da provincia fronte ao Covid-19, na que se entregaron preto de 72.000 unidades nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Deste xeito, só nesta primeira remesa, a institución provincial cubre co material que adquiriu con fondos propios máis do 30% da poboación total destes municipios, tal e como subliñou o presidente, quen avanzou ademais que nunha segunda fase de distribución de máscaras a Deputación pretende chegar ata o 50% da poboación destes concellos.

A distribución de material por municipios determinouse de maneira proporcional ao seu número de habitantes, tomando como referencia o 30% da súa poboación. As tarefas de reparto desenvólveas o persoal do Parque Móbil da Deputación con once vehículos, unha labor coordinada de tal forma que cobre todos os concellos nun día. “Así garantimos que cheguen o máis pronto posible, porque canto antes cheguen, antes se poden organizar os concellos para distribuír todo o material de protección”, subliñou Tomé Roca.

“Dende o Goberno da Deputación imos a seguir colaborando cos concellos para que os veciños e veciñas da provincia de Lugo estean o máis protexidos posible, e para lograr este obxectivo, en función de como evolucione a pandemia, dende a Deputación estaremos atentos a outras posibles colaboracións para o benestar de todos”, asegurou o presidente.

“A Deputación é a institución máis próxima aos concellos, e polo tanto á veciñanza, e temos que estar con eles para afrontar a crise do coronavirus unidos e en total coordinación e cooperación, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”, subliñou José Tomé.

Pedido de material
A institución provincial realizou a semana pasada un pedido de 220.000 unidades de material hixiénico-sanitario de protección fronte ao coronavirus Covid-19. Tomé Roca asinou un decreto que ordena a contratación, mediante tramitación de emerxencia, do subministro dun total de 112.300 máscaras, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos de 1 litro, por un importe de case 140.000€ con fondos propios.

A Deputación diversificou a compra en tres empresas diferentes para minimizar riscos ante as dificultades que a saturación da demanda provoca no mercado.

O presidente explica que se adquiriu este material para a protección fronte ao virus do persoal propio da Deputación, das persoas usuarias dos servizos públicos que presta a institución, como son por exemplo os centros de atención a maiores de Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada, e para a súa distribución no conxunto da provincia.

En concreto, o pedido está composto por 100.000 máscaras cirúrxicas, 12.000 FFP2, 300 FFP3, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos de 1 litro. A cantidade de material adquirida pola Deputación está amparada nun informe técnico elaborado polos servizos provinciais de Prevención de Riscos e Benestar Social no que determinaron as necesidades a cubrir.

José Tomé manifesta que na Deputación “dedicamos todos os esforzos a combater os efectos da pandemia do coronavirus na nosa provincia, por iso estamos tomando medidas de forma continua para frear e paliar o seu impacto negativo”.