A Pomba do Arco, unha asociación por e para a vila

Este colectivo vén de facer os 31 anos de vida cunha actividade anual continuada vinculada ao lema ‘lingua, cultura e país’

A Pomba do Arco é unha das asociacións senlleira da comarca da Mariña. Constituida como asociación sociocultural ten no seu eixe central de traballo unha ampla preocupación pola posta en valor e difusión da cultura e historia primeiro do propio Concello de Foz e as súas xentes así coma do resto da comarca da Mariña.

A cultura e promoción galega son os motivos da creación desta asociación alá polo 1989, e que aínda segue mantendo o seu espírito inicial malia o falecemento do seu presidente e membro fundador, Xoán Carlos González Basanta, fai dous anos.

González Basanta foi profesor de vocación e político de Foz, e tanto pracer lle produía a actividade cultural que foi o primeiro membro do núcleo impulsor da Pomba do Arco, e ao cal lle corresponde a paternidade do nome, inspirado nun poema do escritor francés Robert Desnos.

Así xurdíu a asociación focega, que segue co espíritu tradicional co seu actual presidente Marcelino Villarino Cageao, elexido no 2018.

Centos de actividades culturais desenvólvense mes a mes e ano a ano en Foz grazas a eles e nestes máis de trinta anos xa se convertiron nun referente da actividade focega.

A Festa da Palabra é unha das súas actividades máis destacadas. Trátase dunha xornada na que algúns dos máis coñecidos nomes da literatura galega visitan a vila co convite da asociación.

Outra das citas intrínsecas da asociación naceu para recuperar a historia da vila e dala a coñecer, a tavés das Xornadas de Historia local, que este ano fan 25 anos de vida e celébranse a finais de xullo e principios de agosto.

Non se pode esquecer o Touporroutou, que se celebra en febreiro durante o Entroido, para animar a festa con coplas compostas polos veciños que se depositan en urnas nos bares e locais da vila.

En abril contan co Sertirmos a arte, unhas xornadas de catro días con mesas de debate nas que se abordan as diferentes facetas da arte como a pintura, a música ou a arquitectura.

Teñen tamén moitas máis actividades como un club de lectura para adultos, imparten cursos de gaita e percusión, teñen un grupo de teatro, fan roteiros pola Mariña, presentacións de libros, charlas, viaxes culturais, etc.

Segundo sinalou Marcelino, “A Pomba do Arco encara os seus trinta e un anos de vida coa idea de afondar nos sinais de identidade que veñen caracterizando a nosa asociación desde a súa fundación, e que podemos resumir no lema de: lingua, cultura e país”.

“Somos unha asociación autosuficiente que cobra unha pequena cota aos socios, pero que case non recibe axudas para a cantidade de actividades que facemos”, di Villarino.

Pero non queren deixar no esquecemento as novas ideas polo que consideran “fundamental a incorporación dunha nova xeración ao colectivo para que introduza novas propostas”.

A celebración do trinta aniversario en outubro do 2019 serviu para achegar ao colectivo a moitas máis persoas e sobre todo a xente nova para que os obxectivos fundamentais da súa creación teñan continuidade nunha vila comprometida coa cultura e coa lingua.

Etiquetas