Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Burela segue a recibir doazóns para as familias

Por 28 Abril, 2020Maio 5th, 2020Sin comentarios

O Concello burelés segue a recibir doazóns para as familias máis vulnerables do municipio. A asociación A Moncloa e Distribuciones Carreiras únense á lista coas súas achegas, que agradece a edil Carmela López.

A concelleira de Servizos Sociais subliña que “as familias que reciben produtos do Banco de Alimentos de Lugo, como froita e verdura, esta semana van contar cun saco de patacas de 20 quilos. Será un saco por familia”.

Carmela López ten palabras de agradecemento para a empresa Distribuciones Carreiras, “xa que ven de doarnos 46 caixas de refrescos variados para que nas casas dos que teñen menos recursos non falte de nada”.

A edil burelesa amósase especialmente agradecida coa asociación de xubilados A Moncloa “porque veñen de achegarnos 200 euros. Trátase da recadación efectuada na Santa do porto. Eles fan habitualmente a doazón para a alfombra floral das festas patronais, pero nesta ocasión puxéronse en contacto comigo para destinar eses cartos a bens de primeira necesidade para o reparto que faremos mañá, martes. Entón decidimos mercar leite”. O reparto desta semana en Burela contará coas doazóns realizadas pola asociación A Moncloa, por Distribuciones Carreiras, pola Asociación Islamista de Burela e polo Banco de Alimentos de Lugo.

Desde que se decretou o estado de alarma varias foron as firmas que quixeron poñer o seu gran de area, como Armadores de Burela, que doou pescada; Pescados Rubén, que fixo unha doazón de cabala; Boas Migas e Hotel Nordés, realizaron doazóns de produtos frescos a primeira semana, así como as escolas infantís, que foron destinados a Cáritas e ao Centro San Aníbal.

Carmela López amósase “orgullosa da solidariedade que se está a dar no noso pobo por parte de todo tipo de colectivos e empresas para que ninguén o pase mal nestes momentos de confinamento que nos tocou vivir”.