Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Iniciadas as obras de mellora da estación de autobuses de Viveiro

Por 28 Abril, 2020Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou a actuación de reforma integral da estación de autobuses de Viveiro, á que destina un orzamento de 221.300 euros. Empezouse a instalar o peche perimetral que acota as obras e mañá instalaranse os andamios, coa intención de comezar o mércores a traballar na cuberta.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que está prevista a substitución total da cuberta do edificio da estación e tamén a aplicación dun tratamento anticorrosión á cuberta da dársena.

O proxecto inclúe o cambio da porta exterior de acceso dos autobuses á dársena e o pintado dos bordos. Ademais, prevense actuacións de mellora e acondicionamento no interior do edificio, que afectarán principalmente aos falsos teitos e aos aseos. Tamén se colocarán unhas pantallas electrónicas para reforzar a información sobre as chegadas e saídas dos autobuses.

Balseiro salientou que as actuacións van dirixidas a proporcionarlles ás persoas usuarias unhas instalacións máis cómodas e eficientes e con máis información sobre horarios, servizos e liñas dispoñibles.

O delegado territorial lembrou que o Goberno galego adxudicou hai uns meses as obras de mellora de cinco terminais de autobuses da provincia de Lugo -ademais de Viveiro, tamén as de Burela, Ribadeo, Monforte e Sarria-, e destacou que o proxecto que se executa na estación de Viveiro é o de maior contía.