Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP burelés advirte ao alcalde que pode destinar o Plan de Cooperación á crise do coronavirus

Por 28 Abril, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular (GMP) burelés advirte ao alcalde que pode destinar o 100% dos fondos que recibe do Plan de Cooperación da Xunta de Galicia á crise do coronavirus. O voceiro, Manuel Rouco, apela así “a responsabilidade” do socialista para “facer unha xestión eficaz, priorizando o gasto e os recursos que demandan os cidadáns por mor da situación sanitaria que atravesa todo o país”. En total, a cantidade recibida ascende a 331.248 euros, dos que 110.754, correspondentes ao primeiro trimestre, xa foron aboados.

O popular defende “esta si que é unha boa oportunidade para axudar a volver á nova normalidade e non só cos 10.000 euros do Plan Único da Deputación, pois esta cantidade é unha minucia, especialmente para as familias que están en risco de exclusión socioeconómica e aos Autónomos e Pemes, xa que esa contía amósase claramente insuficiente”.

O portavoz do GMP, Manuel Rouco, asegurou que “no proxecto de distribución dos fondos do Plan Único do presente 2020, só se destinan directamente a gastos derivados da crise do coronavirus 10.000€, o que supón o 3% do total dos, aproximadamente, 371.000 euros do Plan para o noso concello. A partida de Servicio de Axuda no Fogar diminúe en máis de 4.000 euros con respecto a 2019, cando agora habería que facer un esforzo neste campo, e o incremento do programa Depuemprego, 6.000 euros, non supón ningún impulso para tentar paliar o paro que xa se está a xerar por culpa da pandemia, e demostra a ausencia de compromiso do alcalde, xa que está a dar a impresión de querer gastar o mínimo posible. Llano leva semanas dicindo que ‘estamos a estudiar’, que ‘seguimos a estudiar’, que ‘estamos a valorar’, e pasadas seis semanas dende a declaración do estado de alarma non ten adoptada ningunha medida seria e responsable”.

Rouco lembra que “o pasado 31 de marzo, Llano fixo unhas manifestacións nas que dicía textualmente que ‘O Concello burelés destinará o superávit da conta xeral do 2019 ás axudas para a emerxencia social ocasionada polo estado de alarma. Tamén se destinará a Políticas Sociais a cantidade que sexa precisa do Plan Único’. “Agora somos conscientes de que a cantidade á que facía referencia o Sr. Llano eran 2.000 euros”.

Sen estudo “serio e rigoroso”

Por outra banda, non hai ningún estudio serio e rigoroso feito polo goberno municipal, tal e como denuncian os populares, “polo que poñemos en coñecemento das familias afectadas pola crise do coronavirus que poden solicitar as axudas para emerxencia social que figuran nos orzamentos do Concello de 2019, prorrogados para o presente ano 2020, ao abeiro da correspondente ordenanza, publicada no Boletín Oficial da Provincia o 13 de decembro de 2016, e actualmente en vigor. Lembramos que o total da partida orzamentaria contemplada nos orzamentos é de 17.500 euros e a día de hoxe non temos constancia de que esa contía fose aumentada, nin temos constancia de que o alcalde tivese asinado ningún documento advertindo aos afectados da posibilidade de acceder a esas subvencións”, explican.

A disposición dos interesados

O portavoz popular indica que “as persoas interesadas en solicitar as subvencións do Concello, xa que Llano non avisa nin fai nada para que se soliciten, poden dirixirse a calquera dos concelleiros do Partido Popular, que lles indicaremos cales son os pasos a dar. Agardamos que por parte da entidade local se acuda ao artigo 23 da indicada ordenanza, sobre aplicación de procedemento abreviado para a concesión destas subvencións”.