Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Reabre o prazo para a adxudicación do proxecto da nova depuradora de Burela

Por 28 Abril, 2020Sin comentarios

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de reabrir o prazo de presentación de ofertas para a redacción do proxecto de construción da nova estación depuradora de augas residuais de Burela, cun investimento de preto de 120.000 euros.

A Xunta reabriu hoxe o prazo de presentación de ofertas para realizar esta actuación xa licitada pero afectada inicialmente pola suspensión de prazos nos procedementos administrativos coa declaración do estado de alarma.

A reactivación do procedemento, que recolle xa a plataforma de contratos públicos da Xunta, establece que as empresas interesadas na execución deste proxecto poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro días 28 de maio.

Este contrato ten por obxectivo definir as solucións ás deficiencias detectadas na actual estación depuradora e definir o deseño construtivo da nova planta. Deste xeito, os traballos obxecto deste contrato deberán proxectar unha nova instalación que inclúa pretratamento, tratamento biolóxico e desinfección.

A nova planta de tratamento de augas residuais situarase na zona de servizo do porto de Burela, máis en concreto nunha parcela duns 3.500 m2 nas inmediacións do novo viario de acceso ao peirao.

O obxecto deste contrato permite que a redacción do proxecto construtivo, así como a obra posterior, conten con cofinanciación a través do programa europeo FEDER Galicia 2014-2020.

Esta actuación enmárcase nas tarefas que están a impulsarse desde Augas de Galicia para a mellora do sistema de saneamento neste concello lucense, en apoio ás competencias municipais nas materias de depuración e saneamento.

Neste sentido, ademais do proxecto que se redactará co contrato para o deseño da nova depuradora de Burela, a Xunta está a redactar o proxecto para a mellora do sistema de saneamento do municipio.

Mellora do sistema de saneamento no Concello

No caso do saneamento, de competencia municipal, o concello conta cunha rede unitaria moi desenvolvida con graves deficiencias produto da mala xestión das augas pluviais. Deste xeito, aínda que ten separado algunhas redes de pluviais e pequenos mananciais e regatos que estaban canalizados pola rede de saneamento, están a producirse desbordamentos na rede polo importante caudal de infiltracións na rede, incluso en períodos secos.

Para resolver esta problemática, o proxecto no que traballa a Xunta prevé a instalación dunha estación de tratamento e bombeo de augas residuais na zona portuaria para concentrar o caudal recollido polos colectores da contorna do Porto e permitir o seu bombeo á nova depuradora de Burela tras un desbaste previo.