Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BNG viveirense pide reconsiderar o Plan de Pago Personalizado de Impostos Municipais

Por 29 Abril, 2020Sin comentarios

O BNG de Viveiro cre máis que nunca necesario, que o Goberno Municipal do PSOE reconsidere a súa postura de rexeitamento do Plan de Pago Personalizado de Impostos Municipais defendido pola portavoz municipal do BNG no pleno do mes de novembro de 2019, na que se estabelecía unha flexibilización no pago dos impostos municipais, con bonificación incluída, a través dun plan personalizado das cotas municipais en pagos mensuais, bimestrais, trimestrais, semestrais ou anual.

Un Plan ao que se podía adherir os veciños e empresas de xeito voluntario. Trátase en definitiva, afirma Miriam Bermúdez, “dun Plan tributario á carta que pode contribuír a que a veciñanza chegue máis aliviada a fin de mes, ademáis de evitar ter que solicitar aprazamentos ou fraccionamentos das súas débedas tributarias, o que suporía pagar un recibo máis abultado debido ao abono de intereses”, e asegura a nacionalista que “este Plan Tributario é un instrumento legal que daría a máxima facilidade posíbel á veciñanza para pagar as obrigas tributarias da facenda local e podendo decidir cada veciñx ou empresa os prazos e as cantidades que mellor se axustasen ás súas necesidades”.

A portavoz municipal do BNG pídelle a María Loureiro “que rectifique a postura do seu goberno e leve ao vindeiro pleno municipal dos orzamentos 2020, xunto coa aprobación dun Plan de reactivación da actividade económica, social e comercial, a aprobación deste Plan de Pago Personalizado de Tributos municipais. Equivocarse é humano e rectificar de sabios, pois é nestes momentos de crise onde máis se ve a necesidade e o acerto de implementar este Plan tributario á carta, que suporía tamén unha ferramenta máis de axuda para aquelas empresas e negocios de Viveiro que están a sufrir nestes momentos unha merma importantísima nos seus ingresos”.

A formación nacionalista está convencida que co deseño e posta en marcha deste Plan de pago, no que se estabelecía unha bonificación do 3% na cota íntegra dos impostos, conseguiríase un impacto positivo tanto sobre a Facenda Municipal, que contaría con maior liquidez a corto prazo, como sobre xs veciñxs e empresas con obrigas tributarias que verían reducida a contía final cun 3% de desconto, pagos tales como, entre outros, o IBI, IAE, IVTM, taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo e RSU.

Por outra banda, o BNG de Viveiro, ante a negativa da rexidora municipal a aceptar manter unha xuntanza con todos os voceiros da corporación e a Intervención municipal, vén de rexistrar un escrito dirixido ao servizo de intervención municipal ao obxecto de solicitarlle información sobre datos presupostarios e tributarios para poder valorar a situación económica na que se atopa o Concello, os recursos cos que conta e cal é a súa capacidade económica e financeira para poder apoiar ao tecido empresarial e social viveirense, que  teñen que afrontar un complicado, duro e incerto contexto socioeconómico nos vindeiros meses, e poder así os nacionalistas propoñer medidas específicas para desenvolver un Plan municipal de reacticación económica co fin de rebaixar, na medida do posible, o impacto da crise sanitaria da Covid19.