Continúa en Foz a desinfección do viario público

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, deu conta de que o ministerio  de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana continuou hoxe en Foz coa campaña de desinfección do viario público da provincia, atendendo a solicitude realizada polo Concello.

Isabel Rodríguez, que coordinou os traballos realizados con medios da Unidade de Estradas do Estado na provincia, explicou que os traballos centráronse na xornada deste xoves nas estradas e vías propostas polo Concello de Foz.

A Subdelegación do Goberno puxo a disposición dos principais concellos da provincia os medios dos que dispón na provincia o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para realizar este tipo de labores de desinfección preventivos.

Respondendo a solicitude feita polo Concello, desprazáronse hoxe a Foz medios humanos e materiales da Unidade de Estradas do Estado na provincia para levar a cabo, a primeira hora da mañá, os traballos de desinfección en rúas e estradas do termo municipal. Concretamente, actuaron no casco urbano de Foz, en Cangas e Vilaronte.

Para levar a cabo estes labores empregouse un dos camións do parque móbil da Unidade de Estradas do Estado na provincia, dos que se utilizan para esparexer salmoira e despexar de neve as estradas. O vehículo foi usado hoxe para pulverizar 6.500 litros de desinfectante no viario público deste municipio. Esta actuación levouse a cabo en coordinación coa Policía Local de Foz.

Con anterioridade, o Ministerio de Transportes xa colaborara cos seus medios na realización deste servizo de desinfección preventivo nos municipios de Ribadeo e Viveiro, así como en instalacións da Garda Civil en Lugo e Monforte de Lemos.

Etiquetas