Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BNG de Burela propón solucións para a crise

Por 30 Abril, 2020Sin comentarios

O concello de Burela celebra este xoves un pleno telemático no que se debate a proposta que fai o equipo de goberno para solicitar programas de gasto dentro do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos da deputación de Lugo na especial e singular situación do estado de alarma.

Esta proposta “é moi semellante á da convocatoria anterior tanto en termos absolutos coma porcentuais, con moi leves variacións, como se non estivésemos vivindo unha situación excepcional no medio dun estado de alarma. Pola contra nas bases de execución eliminouse o mínimo do 50% da cantidade que achega a deputación de Lugo para destinar a investimentos e crease un novo programa de gastos derivados da crise do Covid-19”, aclara Mario Pillado voceiro do BNG.

Segundo o voceiro do BNG en Burela, Mario Pillado “tamén o presidente da deputación se dirixiu por carta ós alcaldes para indicar que os prazos estaban suspensos e que os concellos dispoñían de tempo para reorganizar a súa solicitude e destinar fondos ós gastos que lles vai supoñela crise. Aínda así nin as bases da convocatoria nin a carta recibida nas alcaldías conseguiron aclarar que tipo de gastos se podían incluír neste programa, polo que solicitamos información dos técnicos municipais cando revisamos a documentación. Todo fai indicar que eses gastos deberan corresponder á política de servizos sociais e promoción social, pero non está moi claro” sinalou Pillado.

No programa de investimentos que propón o equipo de goberno aparece a segunda fase da obra da rúa Rosalía de Castro cun orzamento duns 168.000 euros, para o voceiro nacionalista “cremos que esa obra pode agardar a futuras convocatorias do plan, incluso no informe de intervención se di que non existe crédito suficiente nos orzamentos en vigor para a achega que o concello fai nesa partida, uns 23.000 euros; para nos é o momento de acumular información e recursos para facer fronte á crise derivada do estado de alarma e á situación posterior. O concello debe analizalas necesidades da vila neste momento e xuntar medios para cubrir esas necesidades, posto que non se sabe que cantidade do superávit do pasado exercicio e do remanente acumulado se vai poder empregar, algo polo que tamén nos interesamos estes días” indicou Mario Pillado.

Ante a disxuntiva entre a incerteza creada sobre os gasto que se pode levar a cabo e a necesidade de incrementalos recursos do concello a formación nacionalista presenta dúas alternativas ó plan único para que a corporación municipal escolla.

Segundo o razoamento que fixemos, creo que os 145.000 euros que a deputación achegaría á obra da rúa Rosalía de Castro se poden destinar a outros gastos, deixando tal como está o orzamento para as outras dúas obras, que si que nos parecen mais urxentes, na rúa Celso Emilio Ferreiro e de reposición de beirarrúas en certos puntos da vila. Eses cartos destinaríanse a compensar a baixada do orzamento do programa do servizo de axuda no fogar, ata 40.000 euros, e o resto para completalo programa de gasto derivado do Covid-19 ata 150.000 euros” describiu o portavoz do bloque.

Como existen dúbidas acerca de que gastos se poden imputar a ese programa ou de que cantidade achegaría o concello para investimentos existindo crédito suficiente no orzamento ofrecemos unha segunda opción, que sería deixar o tema enriba da mesa, retirar o punto da orde do día, pero todo isto suxeito a que de parte do concello se faga unha análise seria das necesidades reais e actuais da veciñanza de Burela, familias, tecido comercial, hostaleiro e resto de autónomos e se reorganicen os fondos destinados ós diferentes programas solicitados do Plan Único” finalizou Pillado