Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Dubidas sobre a legalidade na adxudicacion do sevizo de recollida de lixo de Burela

O alcalde, Alfredo Llano, considera que a oposición non estivo onte á altura da responsabilidade que lle corresponde “por estar representando aos veciños de Burela”. Deste xeito se refería ao acontecido coa adxudicación do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria á empresa Urbaser, que non se puido efectuar tras emitir os seus votos en contra o BNG e o PP. O equipo de goberno analizará nas vindeiras horas si isto é nulo de pleno dereito. Llano acusou á oposición de ningunear e non valorar o traballo realizado pola mesa de contratación.

O rexedor declarou que “hoxe é o día 1º de maio, unha data histórica de representación e valor para a colectividade traballadora. Por tanto teño que amosar a miña solidariedade con todos eles e é unha pena que non se poidan manifestar para amosar as súas inquedanzas e preocupacións. Onte tivemos un pleno extraordinario, que fixemos telematicamente, e ao rematar a sesión todas as forzas políticas con representación no Concello acordamos, por iniciativa da Alcaldía, solidarizarnos con todos os traballadores que agora mesmo están moi preocupados polo que está acontecendo, por exemplo nas auxiliares de Alcoa ou en Muebles Hermida. Queremos amosar a nosa solidariedade e que se solucionen estas situacións o máis rápido e da mellor maneira posible. Pensamos que agora mesmo non é oportuno quizais facer isto que se está facendo na factoría Alcoa e que afecte desta maneira tan dramática a moitos traballadores. Por tanto a nosa solidariedade con eles e instamos ás partes a que cheguen a acordos e que recuperen a normalidade o antes posible”.

Sobre os asuntos que figuraban na orde do día Alfredo Llano explicou que “no pleno de onte tratamos 4 puntos e o primeiro era a adxudicación do servizo de recollida de lixo, limpeza viaria, punto limpo e limpeza de praias, todo en conxunto, á empresa Urbaser, que foi a que gañou o concurso. Durante bastante tempo fixéronse as bases, sacouse a licitación, presentáronse varias empresas, houbo que decidir cal delas era a apropiada en base a valores técnicos, de vixilancia, de levar un traballo constante durante moito tempo. Non é nada doado puntuar de acordo coas bases ás mellores ofertas para facer unha adxudicación importante para Burela durante un período de 4 anos máis un e cun orzamento anual duns 816.000 euros”.

O rexedor subliñou que “a cuestión é moi seria e nós tratamos de ter unha empresa concesionaria que sexa realmente garante de que Burela vai estar perfectamente limpa, atendida, con todos os servizos ben levados. Tratábamos de amplialos moitísimo, por exemplo íase poñer un vehículo soamente para a recollida de enseres, íase recoller o cartón todos os días da semana, íase poñer máis persoal a traballar, íanse desinfectar máis a miúdo os contedores e tamén melloras na limpeza viaria, … Ou sexa que íamos ter un bo servizo, acorde coas necesidades actuais e ademais coa importancia que ten Burela como concello. Pero a miña sorpresa foi que levei un desgusto grande persoal porque eu penso que onte a oposición non estivo á altura da responsabilidade que lle corresponde por estar representando aos veciños de Burela”.

Llano relatou que “houbo unha adxudicación a través dunha mesa de contratación, onde están presentes os técnicos cualificados para determinar cal é a empresa que mellor oferta presenta. Hai un informe final da Secretaría no que di claramente que a empresa que cumpre todos os requisitos é Urbaser. Por tanto a adxudicación sae da propia mesa de contratación e hai que levala ao pleno basicamente como un requisito, un trámite para darlle legalidade a esta adxudicación. Por tanto non tería por que haber discusión, o único que debería facerse no pleno é darlle os parabéns ao que se fixera na mesa de contratación. Pero a sorpresa foi que, sen argumentar absolutamente nada sobre os documentos que acreditan que sexa Urbaser a empresa concesionaria, a oposición actuou de maneira infantil e moi pouco rigorosa e votaron que non.  Hai que ter valor. Votaron que non, iso quere dicir que ningunearon e non valoraron para nada o traballo duro que fixo a mesa de contratación. Viñeron ao pleno e dixeron que non e dicía o BNG, por exemplo, que é moito mellor chegar a un acordo co Concello de Cervo para xestionar o lixo conxuntamente. E o do PP sinalou que o contrato é moi caro, porque estamos nunha fase crítica e imos botalo para atrás porque isto implica moito máis gasto para o pobo”.

Para o alcalde “hai que ter en conta que a empresa á que se lle ía adxudicar o servizo subía un pouco o prezo respecto á que había, pero é normal porque tamén inclúe melloras de persoal, de salarios, contempla a merca de novos vehículos, de maquinaria, das ferramentas que precisa para prestar un traballo en condicións. Todo estaba perfectamente estudado e xustificado. Si se levase adiante unha boa limpeza do noso concello iso implicaría unha baixada do pago a Sogama, o que quere dicir que unhas cousas compensarían as outras e mais ou menos seguiriamos no mesmo prezo”.

Llano engadiu: “votaron en contra da concesión a esta empresa. Agora hai que ver as consecuencias que isto trae. Votar que non é unha irresponsabilidade grande. Agora estamos vendo como podemos solucionar isto o antes posible. Temos que ver e contrastar si isto é nulo de pleno dereito ou a ver cómo se fai. Hai que retomar este tema porque hai que proceder á adxudicación do servizo, porque hai que solucionar a recollida do lixo e a limpeza viaria en Burela. E estas cousas o único que fan é complicar, o único que fan con estas actitudes é prexudicar ao pobo dunha forma incrible. En lugar de estar para beneficiar están para tumbar os dereitos, as mellores fórmulas de convivencia, os mellores servizos… estanos tumbando. Por querer fastidiar ao equipo de goberno realmente a quen están levando por diante é o dereito do pobo de Burela”.

O alcalde dixo que “outro asunto que foi a pleno e quedou enriba do mesa foi o Plan Único. O equipo de goberno tiña listos e definidos os proxectos para presentar na Deputación de Lugo. A oposición tivo tempo de presentar as súas aportacións e chegaron onte unhas horas antes da celebración desta sesión cambiando unha das obras. Nós acabamos de rematar un proxecto na rúa Rosalía de Castro, onde se fixo un bo traballo, e queriamos ampliar esa zona de actuación para darlle a toda ela unha singularidade e aproveitando mellorando as pluviais e residuais, realizar tarefas de humanización para darlle prioridade aos peóns, reducir a velocidade dos vehículos, etc… que tivese un atractivo grande para que a xente viñese a Burela e así favorecer o comercio e o turismo. Onte chegaron os dous grupos coa mesma proposta, que era pasar o gasto dese treito de rúa, uns 150.000 euros, e destinalos a necesidades derivadas da pandemia que está habendo agora, sen dicir en qué, cómo, cándo. Sacaron un investimento real que tiñamos previsto realizar a través do Plan Único e poñelo para atender as necesidades derivadas do Covid-19”.

Alfredo Llano insistiu en que “xa o expliquei en máis ocasións, pero reitéroo de novo. Nosoutros temos un remanente de tesourería de cerca de 200.000 euros, que xa queremos destinalos ás necesidades de políticas sociais derivadas do Covid-19. Había capital suficiente, derivado do aforro e da boa xestión económica que fixemos o ano pasado, para empregalas nese fin en axudas familiares, sociais, emerxencias… no que fose necesario. Xa que contamos con eses cartos desde o equipo de goberno dixemos imos investir entón as partidas do Plan Único en infraestruturas, en obras, que é onde se crea traballo, onde se mellora o aspecto do pobo e botárono para atrás tamén. Onte o BNG e o PP o único que quixeron facer foi fastidiar ao equipo de goberno sen pensar que a quen realmente están a fastidiar é ao conxunto da veciñanza de Burela”.

“E os outros dous puntos: o inventario municipal e a adhesión aos Concellos polo Clima, foron aprobados por unanimidade. Pero contradinse, porque si queren mirar polo medio ambiente terían que aplicarse e decidirse por unha boa empresa para facer unha boa limpeza de Burela, ou sexa que o pleno de onte foi decepcionante pola imaxe que se está a dar dos políticos con respecto a cuestións que son importantes para o pobo. O que non pode importar é facerlle un dano sen mais ao equipo de goberno, sen valorar as consecuencias que iso acarrea. Imos ver como retomamos o antes posible o tema da adxudicación do servizo de recollida de lixo e despois veremos como facemos co Plan Único, porque onte retiramos ese punto, dado que a proposta presentada non nos parecía coherente e temos que discutilo”, así rematou Alfredo Llano o seu balance do pleno telemático celebrado na tarde-noite de onte.