Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Galicia volveu pedir un prezo eléctrico competitivo para a electrointensiva

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, volveu pedir ao Goberno que estableza un prezo eléctrico competitivo e que aclare as dúbidas que aínda están sen resolver con respecto ao futuro do sector electrointensivo. Conde e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participaron esta maña nunha reunión telemática co comité de empresa de Alcoa San Cibrao, na que o conselleiro asegurou que o Executivo non ten escusas para poñer fin a esta desconexión cunha industria estratéxica para a economía galega como é a electrointensiva.

O conselleiro incidiu en que tras moitos meses de espera e prórrogas, é o momento de definir o marco enerxético e aprobar un Estatuto que garanta a viabilidade tanto da planta de Alcoa San Cibrao como do resto da industria electrointensiva galega, da que dependen 5000 traballadores da Comunidade: “Esperamos que se poidan recoller as alegacións presentadas pola Xunta e se aprobe un Estatuto cun prezo competitivo e estable. Sen el, Alcoa San Cibrao non terá continuidade. A demanda dos traballadores e da Xunta é compartida para que o Goberno recolla estas propostas e a produción de aluminio primario poida continuar na planta”, explicou.

Conde, que esta mesma semana participou nunha reunión co Goberno, constatou a falta de avances por parte do Executivo neste asunto e lamentou a súa pasividade e falta de atención ante unha industria que é esencial para Galicia.

O conselleiro, que cualificou o momento de “crítico e preocupante” trasladou, unha vez máis, todo o apoio da Xunta aos traballadores para reclamar que o Goberno blinde o seu futuro. Neste sentido, asegurou que tanto os empregados de Alcoa, como das empresas auxiliares como Reymogasa ou Cyrgasa que acaban de presentar expedientes de regulación temporal de emprego- merecen respostas.