Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Pontón pide medidas para manter o emprego e a actividade de Alcoa

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto ao deputado no Congreso, Néstor Rego e a deputada e viceportavoz, Olalla Rodil mantiveron un encontro co Cómite de Empresa de Alcoa para abordar a actual situación ante o anuncio da dirección de parar as cubas.

Pontón, ao igual que fixera no encontro telématico coa Plataforma de traballadores e traballadoras de empresas auxiliares de Alcoa , hai dous días,  transmitiu ao Comité de empresa o apoio do BNG as súas demandas e o compromiso de presentar iniciativas, tanto no Parlamento galego como no Congreso dos deputados destinadas a impedir que sexa paralizada “parte da actividade”  da empresa  en San Cibrao e garantir os postos de traballo.

A portavoz nacionalista cualificou de “vergoñento” o comportamento de Alcoa cunha comarca que sempre se volcou por manter a actividade da empresa e advertiu que a paralización das cubas abocará ao desemprego a máis de medio centenar de traballadores e traballadoras das empresas auxiliares ademais de seren  “o primeiro paso” para un futuro desmantelamento  en parte da actividade  da factoría.

Pontón lembrou que Alcoa é o grande motor económico da comarca de A Mariña e a súa paralización terá gravísimas consecuencias para a comarca e para todo o sector industrial galego. A nacionalista recalcou que a dirección debe rectificar e  volveu a reclamar da Xunta e do goberno central “medidas urxentes” que impidan parar a actividade, garantir os postos de traballo e un plan de futuro para a factoría. “Non podemos consentir que desaparezan   sectores claves para a  nosa economía”.

Goberno galego e goberno central deben “exixirlle a Alcoa que non paralice unha parte da actividade” sobre todo na crise que estamos vivindo. Para a nacionalista, “Alcoa ten un compromiso social” coa comarca da Mariña e co emprego e tanto Xunta como Goberno central deben exercer as súas competencias para que o sector do aluminio teña futuro e viabilidade en Galiza. Nin a Xunta nin o goberno central “fixeron os deberes” e “urxe que tomen medidas porque hai moito en xogo”, recalcou.