Skip to main content
Sin categoría

O BNG reclama prolongar a conmemoración de Ricardo Carvalho Calero a 2021

O BNG súmase ás voces que reclaman prolongar a conmemoración de Ricardo Carvalho Calero ao ano 2021 porque resulta evidente que a crise provocada pola pandemia da COVID-19 fai imposible o desenvolvemento do Ano Carvalho Calero con normalidade.

As medidas de confinamento decretadas, a suspensión das aulas presenciais nos centros de ensino así como as máis que probábeis medidas de distanciamento social que se aplicarán nos próximos meses impiden conmemorar, como correspondería, a persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas.

Esta imposibilidade vai alén do plano institucional e ten a ver, tamén, coa difusión da vida, obra e pensamento de Carvalho Calero a través dos centros de ensino, das librarías e bibliotecas públicas ou da importante actividade que o tecido social galego e o asociacionismo cultural de base realizan.

Momentos excepcionais como os que estamos a vivir esixen adoptar medidas excepcionais e desde o Bloque Nacionalista Galego entendemos plenamente xustificado prolongar a conmemoración de Carvalho Calero ao 2021, e así llo solicitamos á Real Academia Galega.

É de xustiza garantir que todas as persoas homenaxeadas gocen do recoñecemento e conmemoración que corresponde ao longo do ano, máis se cabe quen, como acontece con Carvalho Calero, foi tan agardado.

Así mesmo, a Executiva Nacional do BNG fai un chamamento ao conxunto da sociedade galega a se sumar ás iniciativas impulsadas pola Plataforma Queremos Galego! con motivo do Día das Letras Galegas.

Malia estarmos confinadas por mor da COVID-19, os nosos dereitos non o están. Se non podemos saír ás rúas, que a reivindicación este 17 de maio sexa nas xanelas, nas varandas e nas redes sociais.

Cómpre defender os nosos dereitos lingüísticos, o orgullo de sermos un pobo cunha lingua de seu e reivindicar o uso normalizado do galego cada día e en calquera espazo. Tamén exixir que os responsábeis públicos, a comezar polo presidente da Xunta de Galiza, non renegue da lingua propia do país e use o galego nas súas comparecencias públicas.

Porque precisamos do galego cada día, este 17 de maio pedimos a lingua propia de Galiza xustiza, igualdade e cohesión.