Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Educación licita a rehabilitación integral do Ceip Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar en Contratos de Galicia a licitación da rehabilitación integral do Ceip Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo), por importe de 687.323,34 euros. Está previsto executar os traballos de interior en verán e compatibilizar o remate dos de exterior coa actividade docente. As obras teñen un prazo de execución de 3 meses e son susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

As actuacións contemplan unha parte programada de xeito específico para a mellora da eficiencia enerxética do centro, a través do illamento polo exterior mediante sistema SATE e do forxado baixo cuberta con paneis de la de roca 10 centímetros. Así mesmo mudaranse as fiestras actuais por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se substitúen as caixas de persianas, por un sistema “monoblock” con illamento incorporado e instalaranse novas luminarias con tecnoloxía LED, con detector de presencia en zonas comúns.

A maiores, colocaranse falsos teitos nos locais que carecen del (salvo corredores e vestíbulos), renovaranse os aseos de profesorado e alumnado da planta alta, repararanse e pintaranse os paramentos interiores, lacaranse as portas, pulirase o chan de terrazo e colocarase novo vinílico nas aulas da planta primeira, en substitución do existente.

Ademais, instalarase un ascensor para mellorar a accesibilidade do centro e ampliarase e renovarase o ximnasio (incluídos os servizos hixiénicos anexos.)