Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Viveiro informa de como solicitar á Xunta un adianto dos Ertes autorizados

O Concello de Viveiro informa a todos os veciños e veciñas do procedemento a seguir para solicitar á Xunta de Galicia un adianto da presentación dos ERTE’s autorizados.

Poden beneficiarse desta medida as persoas traballadoras cuxas empresas teñan un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) autorizado e comunicado ao Goberno pola Xunta de Galicia e ás que o Estado non lles pagou a súa prestación.

A persoa interesada en solicitar este adianto, debe poñerse en contacto coa súa empresa para o inicio da solicitude. Posteriomente, a empresa debe comunicar, a través dun sinxelo formulario da sede electrónica da Xunta (sede.xunta.gal), os datos necesarios daquelas persoas do seu cadro de persoal incluídas nun ERTE que precisan do adianto.

A empresa poderá facer máis solicitudes para comunicar datos de novas persoas interesadas. A Xunta de Galicia realizará as verificacións oportunas e, nun prazo máximo de 24 horas, remitirá a información das operación validadas a cada unha das entidades financeiras.

A empresa recibirá un correo electrónico de confirmación no momento no que se realice dito envío. As entidades financeiras comprobarán que a solicitude é correcta e informarán ao cliente da autorización do anticipo.

Finalmente, realizarase a formalización do acordo co cliente e posta a disposición do anticipo para o seu cobro: ata 1.500 euros, cun máximo de 750 euros ao mes. Para obter máis información ou calquera consulta ao respecto, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono gratuíto 900 815 600.