Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

As grandes cadeas de distribución súmanse a ‘Merca produto fresco do mar’

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha videoconferencia con representantes das cadeas de distribución Froiz, Gadisa, Carrefour, Vegalsa-Eroski e El Corte Inglés no marco da súa adhesión á campaña de promoción dos produtos pesqueiros impulsada pola Xunta ‘Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco’. Ambas partes analizaron na reunión os obxectivos desta iniciativa que o Executivo galego vén de reforzar coa colaboración destes grupos e que desde esta semana está presente nos seus puntos de venda da comunidade autónoma co fin de animar á cidadanía a consumir produtos do mar e impulsar os seus prezos durante a crise do coronavirus.

A iniciativa está presente nos puntos de venda destas empresas distribuidoras a través de material repartido pola Consellería do Mar, que destina aos establecementos un total de 7.000 carteis, 7.000 vinilos e 24.000 letreiros promocionais que estarán expostos nos lugares de compra dos produtos do mar.

Nestes materiais anímase a adquirir produtos pesqueiros que aportan, entre outros beneficios saudables, a vitamina D necesaria na dieta e tamén promove apoiar o importante esforzo que están a facer os profesionais do mar no escenario actual como parte do traballo esencial para asegurar o abastecemento de alimentos de calidade á sociedade.

A titular de Mar destacou a implicación e a plena colaboración dos grupos de distribución que se adheriron á iniciativa, que está aberta a todas aquelas cadeas distribuidoras, prazas de abastos e peixerías que estean interesadas en participar. Neste sentido, sinalou que isto se corresponde co espírito da campaña e salientou a importancia de permanecer xuntos no mesmo barco para impulsar a demanda e os prezos dos produtos pesqueiros. O obxectivo, incidiu, é que a frota que segue operativa poida desenvolver a súa actividade en condicións de rendibilidade a pesar das dificultades derivadas da alerta sanitaria pola COVID-19 e da declaración do estado de alarma decretado polo Estado.

Rosa Quintana tamén insistiu no importante labor realizado polo sector extractivo desde que comezou a alerta sanitaria e no seu papel fundamental dentro da cadea de subministro ao tempo que salientou que é imprescindible garantir o seu funcionamento e operatividade para ofrecer produtos de calidade á sociedade.

Por iso, a campaña de promoción á que se dá un pulo coa participación das cadeas de distribución trata de fomentar o consumo e enxalzar o importante labor da frota pesqueira galega para manter, a pesares das dificultades de poñer en práctica as medidas preventivas fronte ao coronavirus, a oferta de proteína mariña á cidadanía neste momento excepcional.

Neste sentido, a conselleira do Mar lembrou que adquirir produtos do mar galego nestes momentos supón apoiar ás lonxas que seguen abrindo as súas portas cada día, ás mulleres e homes que saen ao mar, ás praias ou ás bateas cada xornada deste período de estado de alarma e que poñen no mercado distintos alimentos de gran calidade.