Skip to main content
ActualidadeO ValadouroSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BNG do Valadouro vén de presentar unha moción sobre o acceso a internet

O voceiro do BNG do Valadouro, Eduardo Chao González presentou para o seu debate en pleno unha moción sobre a disposición de rede wifi de calidade ao servizo dos estudantes do Concello.

“Debido á ausencia dunha internet de calidade nas parroquias rurais do municipio, e visto que a crise sanitaria pode ir prolongándose e dificultando o ritmo da vida normal, consideramos que tanto estudantes universitarios como do ensino medio, formación profesional e mesmo primaria, deben poder ter acceso de maneira imprescindible a unha rede wifi que lles facilite a continuidade dos seus traballos académicos e tamén unha educación de calidade, para que deste xeito, non teñan ningún problema á hora de facer probas ON-LINE (oficiais) no vindeiro mes de Xuño, tal e como se ten previsto levar a cabo en varias universidades do pais, ou mesmo axudarse de internet para resolver dúbidas e consultar temarios das tarefas de repaso, actividades que lles están sendo asignadas desde diversos centros educativos”, indica o voceiro municipal.

Así, consideran que o seu municipio debería ter unha “cobertura telemática digna do século XXI” e por iso propoñen que o Concello do Valadouro facilite os locais dispoñibles na Casa da Cultura e os medios necesarios a quen non dispoña deles.

Do mesmo xeito, facilitárllelos a todos aqueles estudantes que o soliciten previamente, tanto para realizar exames on line como para efectuar consultas, exixindo sempre de xeito rigoroso o cumprimento da normativa de distancias de seguridade, pero ao mesmo tempo, proporcionando aos estudantes que o precisasen os medios de protección necesarios.