As obras de dragaxe do peirao deportivo de Ribadeo quedarán rematadas estes días

As obras de dragaxe da canle de acceso a Mirasol e o peirao deportivo de Ribadeo quedarán rematadas nos vindeiros días, segundo as estimacións técnicas de Portos de Galicia, organismo dependente da Consellería do Mar e promotor dos traballos. O ente público que preside Susana Lenguas está a investir preto de 400.000 euros nesta actuación para recuperar o calado na zona. 

As obras, que se atopan agora na súa fase final, desenvolvéronse en dúas fases. Nun primeiro momento dragouse a canle de acceso ao peirao de Mirasol e a día de hoxe a draga está a traballar na entrada do porto deportivo ribadense. En ambas zonas recuperarase o calado ata preto da cota -4. 

A zona total recollida no proxecto de dragaxe ten unha lonxitude aproximada de 500 metros, un ancho medio de 60 e abarca desde a fronte da canle próxima á lonxa ata o inicio do peirao comercial. O volume global de material extraído roldará os 20.000 metros cúbicos. 

Portos de Galicia ten establecido os preceptivos controis e garantías patrimoniais ao tratarse dunha zona na que se teñen producido diversos achados arqueolóxicos nos fondos mariños. Concretamente, neste caso balizouse con boias a contorna do Galeón de Ribadeo para asegurar a súa protección. 

Etiquetas