Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Burela repartirá cartelería informativa e xel desinfectante

O Concello de Burela repartirá cartelería e xel desinfectante que o entre os establecementos que abran as súas portas ao público o vindeiro luns, 11 de maio. Así o anunciou o concelleiro de Comercio, Ramiro Fernández Rey.  O edil subliñou que o Concello estivo a axilizar nas últimas semanas o pago a provedores e insistiu en que haberá flexibilidade coa instalación das terrazas hostaleiras. Ramiro Fernández referiuse á xuntanza que o Concello manterá coa ACIA local o luns ás 13:30 horas e á que o equipo de goberno levará o borrador coas bases para a concesión de axudas aos locais que estiveron pechados durante o estado de alarma.

O concelleiro de Comercio dixo: “queremos anunciar unha serie de medidas que vamos empezar a adoptar xa a partir da semana que vén e que son froito das achegas que foi facendo a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIA) nas reunións que vimos mantendo periodicamente. De feito este luns ás 13:30 horas temos outra. Desde a Concellería de Comercio xa adquirimos 100 litros de xel desinfectante de mans, que empezaremos a repartir a partir do luns. Todos os que queiran ter acceso a ese xel, que compramos en envases grandes, o único que ten que traer é un recipiente pequeno porque vamos repartir un cuarto de litro por cada comercio, co fin de que todo aquel que non puidera conseguir este material, pola súa carestía ou porque non hai moito produto deste por aí, para que poida empezar a ter o material de protección mínimo para poder abrir o seu comercio respectando todas as normas de seguridade que nos están dicindo que hai que facer. Aparte diso tamén estamos facendo carteis para poñer nos comercios, que vamos distribuír para a semana, nos que poñeremos as normas básicas de seguridade que terán que usar os establecementos”.

Fernández Rey indicou que “ademais estamos axilizando todo o que podemos, dentro das posibilidades da Intervención municipal, todo o pago a provedores. No día de onte tíñamos pagadas todas as facturas ata o día 30 de abril. Penso que é unha boa iniciativa para eses pequenos provedores que temos no Concello e que necesitan liquidez e que se lles pague rápido. Eu penso que é unha medida importante para ese tecido comercial”.

O edil burelés subliñou que “ademais, a raíz desas reunións que mantivemos co ACIA, imos iniciar unha campaña de promoción potente do comercio local. A través das redes sociais e de diferentes medios de comunicación vamos promocionar o comercio local, que nesta situación está pasando por momentos difíciles. Aparte diso, derivado das reunións que vimos mantendo regularmente coa Asociación de Comerciantes, temos xa preparado un borrador das bases para esas axudas, que intentaremos que sexan o máis grandes posibles e que poidan recoller todos os aspectos de gasto que teñen agora mesmo os comercios. Eu penso que o luns nesa reunión xa lle presentaremos á ACIA ese borrador das bases, para que poida facer as súas achegas. Estas axudas irán vinculadas, evidentemente, aos presupostos municipais, que aínda non temos aprobados. Esperemos que se aproben para que estas axudas vaian adiante”.

Ramiro Fernández tamén se referiu ás terrazas hostaleiros: “o alcalde deu orde á oficina técnica de axilizar todo o posible o tema das terrazas para os negocios que van abrir o luns con esas instalacións. Vamos intentar que estas terrazas teñan a máxima facilidade para poder traballar coas mellores condicións posibles, sempre e cando se respecte o paso dos peóns polas beirarrúas, que é o único condicionante que van ter. Vamos facilitar en todos os aspectos a colocación de terrazas e incluso a ampliación das mesmas. Xa hai varias peticións, que penso que se van resolver rapidamente porque o alcalde é moi sensible a este tema e xa deu instrucións á oficina técnica para que axilice o máximo posible o tema das terrazas”.

Para o concelleiro de Comercio “todo isto ven derivado dunha boa xestión económica que se está facendo no Concello nestes últimos anos. Se non fora por isto seguramente moitas destas accións non se poderían levar a cabo. Vamos aproveitar tamén ese superávit que vimos tendo durante todos estes anos para todas estas accións e espero que sexan unha axuda para evitar que ningún comercio teña que pechar. Desde logo o Concello de Burela estará ao lado dos comerciantes e dos hostaleiros para intentar axudarlles a saír desta difícil situación, que tamén o é para o Concello, evidentemente. Pero nestes momentos debemos estar ao lado do comercio local, animar á xente de Burela a consumir no seu comercio local porque se nosoutros mesmos non somos capaces de botarlle unha man nestes momentos ao comercio dificilmente nos poderá axudar cando sexan as festas ou cada vez que haxa un acto e esas colaboracións que fan desinteresadamente para que en Burela poida haber actividades. Polo tanto animo a toda a xente a que consuma no comercio local porque depende de nosoutros que moitos deles non o pasen mal”.

 

Fernández Rey engadiu que “o luns ás 13:30 vamos volver xuntarnos cos representantes da ACIA. Penso que estamos facendo un traballo conxunto moi bo, pero estas medidas son abertas a todos os establecementos, non son exclusivas para os socios da ACIA. O Concello segue traballando e estaremos moi atentos a todo o que poidamos facer, dentro das posibilidades que ten o Concello, que non son ilimitadas, pero todo os recursos e medios que poidamos ter para intentar axudar nestas circunstancias vamos a dedicalos desde logo e poden contar co Concello de Burela para intentar paliar esta situación que estamos vivindo”.