Skip to main content

O Resurrection Fest vén de confirmar oficialmente que o 15º aniversario do Resurrection Fest aprázase a 2021.

A organización dixo que “consideramos que é a única decisión posible, a única acertada e correcta, e que prioriza a saúde de todos os asistentes, staff e artistas. É por iso que a 15ª edición do Resurrection Fest Estrela Galicia realizarase do 30 de xuño ao 3 de xullo de 2021, o mesmo fin de semana que este ano. As entradas serán válidas sen necesidade de facer nada e todo indica que o cartel será practicamente o mesmo incluídos os cabezas de cartel e co aliciente de novos artistas e sorpresas”.

Tras esgotar as súa entradas en outubro, esperaban a máis de 120.000 asistentes ao longo dos 4 días, récord absoluto de asistencia, e tiñan preparadas moitas sorpresas: cambios no recinto para maior comodidade, decoración, actuacións especiais, etc. Pero este ano contarían con máis de 1.200 empregos directos e 2.700 indirectos, xerando un impacto económico en toda a comarca de máis de 17 millóns de euros en só unha semana.

Desde a organización comunicaron tamén que “as entradas serán válidas para 2021 de forma automática, incluíndo tamén o Resucamp ou as viaxes organizadas, e canta máis xente garde a entrada máis fácil será recuperarnos e facer un 15 aniversario ao grande”.

“Pola contra, se sabedes que non ides poder vir, daremos unha opción segura para poder revender a entrada a un amigo ou familiar que non puido comprala durante todos estes meses ao estar esgotadas e así, ademais de apoiarnos, poder facer feliz a alguén que queira vir o ano que vén. Por suposto, se ningunha desas dúas opcións vos veñen ben, poderase tramitar a devolución da entrada”.

Ademais avanzaron que para premiar a fidelidade aqueles que conserven as súas entradas poderán gozar de diversos beneficios, entre os cales o acceso a uns concertos exclusivos dentro do festival.

Máis detalles respecto disto na sección de entradas da súa páxina web.