Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP esixe a Loureiro explicacións sobre o reparto das axudas durante a crise

Por 20 Maio, 2020Sin comentarios

O grupo municipal do PP avisou nos primeiros días deste mes de que “a alcaldesa de Viveiro ofrece aos veciños un plan de intervención municipal para paliar os efectos da crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19 que lle debe ao PP o que ten de bo, e a alcaldesa, todo o demais, como, por exemplo, unha evidente falta de previsión para executalo”. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que agora se constata a total falta de previsión do goberno municipal porque a aplicación das axudas demórase moito máis do que precisan os veciños de Viveiro

Rodríguez expresa unha vez máis a vontade de colaboración leal e de traballo dos concelleiros do seu grupo, pero di que, á vista das circunstancias, é inevitable ter que afear a alcaldesa e ao seu equipo a falta de xestión nun asunto de tanta relevancia como é que a axuda municipal chegue aos veciños de Viveiro. “O goberno municipal sempre chega tarde. Fai xa un mes que nós presentamos as nosas propostas de intervención para paliar os efectos da crise, tanto no terreo sanitario, como no económico; moitas desas iniciativas aparecen recollidas na lista de medidas presentadas pola alcaldesa, pero sen que ninguén falase para nada con nós”.

O portavoz popular di que “María Loureiro chegou tarde á decisión de que medidas tomar, pero é que agora non sabemos nada de que pasa coa súa aplicación, porque parece que non se dan pasos para xestionar os 500.000 euros dos que falou”. Os populares queren saber como vai artellar o goberno municipal o uso deses cartos desde o punto de vista administrativo, mediante decisións de que órganos municipais. No PP de Viveiro queren saber cantos cartos dos anunciados chegaron xa aos veciños de Viveiro e, se aínda non chegaron, cando e baixo que forma se van xestionar.

Rodríguez considera que esta é unha desas ocasións en que, como xa dixo máis veces, se demostra que “os socialistas, polo menos en Viveiro, teñen un grave problema: carecen de ideas para gobernar e, cando non están paralizados, reaccionan tarde e mal”.