Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O BNG demanda unha solución ao conflito entre percebeiros e bateeiros

Por 21 Maio, 2020Sin comentarios

O BNG volve reclamar ao Goberno da Xunta que, dunha vez por todas, aporte unha solución ao conflito que enfronta ao colectivo de percebeiros e ao colectivo de bateeiros pola extracción de mexilla, disputa que se vai estendo a distintas zonas do país e que está xerando un problema de convivencia social. A deputada Montse Prado, portavoz de Pesca na presente lexislatura, demanda esa solución por parte da Consellería do Mara, para evitar que o enfrontamento derive en consecuencias que haxa que lamentar.

A extracción de mexilla en zonas de explotación do percebe ven sendo obxecto de conflito desde fai tempo entre as persoas que traballan nunha batea e ás que se adican á extracción do percebe, sendo o percebe e a cría de mexillón dúas especies que conviven no mesmo hábitat, polo que tanto a extracción da mexilla en bancos naturais ao igual que a extracción do percebe están reguladas desde hai anos.

O conflito xurde ao coincidir en determinadas zonas as autorizacións para a extracción da mexilla cos plans de explotación do percebe e considerar que unha actividade prexudica o outro recurso, de tal xeito que nos últimos días esta situación está derivando nun conflito aberto con enfrontamentos en diferentes zonas do noso litoral, como por exemplo na Costa da Vela en Cangas, Sada ou Muxía.

Esta situación ten consecuencias económicas pero tamén sociais e de convivencia polo que o Bloque considera inexplicable que o Goberno do PP non aporte unha solución ao problema, que xa motivou a presentación de iniciativas parlamentarias por parte da formación nacionalista.

“A Consellería do Mar ten que poñer solucións sobre a mesa dunha vez por todas en lugar de facer que fai, e non é admisible esa actitude de poñerse de perfil mentres dous colectivos moi relevantes que viven do mar están divididos e enfrontados. Non é de recibo que o Goberno da Xunta espere que o problema se solucione por arte de maxia, ten que poñer alternativas sobre a mesa satisfactorias para ambas partes e facelo sen máis demora”, reclama Prado.

O Bloque pide á Consellería mediación para que se leve a cabo o diálogo entre as partes, empezando por fixar un modelo de aproveitamento de cría de mexillón determinando en que zonas se pode proceder extraer sen poñer en risco o percebe.