Skip to main content
ActualidadeBarreirosSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Ceip San Cosme de Barreiros participa no proxecto Cinema en curso

Por 22 Maio, 2020Sin comentarios

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) leva a cabo durante o confinamento diferentes actividades de cinema e fotografía nas que participaron 532 estudantes e 48 docentes de 13 centros escolares galegos. Imaxes gravadas desde as xanelas, retratos das persoas coas que se convive, captación de feixes de luz en distintos momentos do día ou secuencias de ceos e nubes son algunhas das actividades realizadas, que deron como resultado centos de planos asinados por alumnado comprendido entre cuarto curso de primaria e primeiro de bacharelato.

As propostas forman parte do proxecto pedagóxico internacional Cinema en curso/Fotografía en curso, no que participan tamén neste momento Madrid, Cataluña, País Vasco e a cidade alemá de Brandemburgo. O programa está coordinado pola asociación A Bao A Qu e o CGAI, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, é o encargado anualmente do seu desenvolvemento en Galicia, no marco do Plan Proxecta da Xunta.

Os cineastas galegos Eloy Domínguez, Xacio Baño, Jaione Camborda, Marcos Flórez e Ángel Santos viñan traballando cos escolares desde o inicio do curso lectivo na produción de distintos filmes, a maioría relacionados coa etnografía ou a idiosincrasia dos municipios nos que se localizan os colexios e institutos. Cando se ordenou o peche dos centros, a actividade adaptouse á nova situación, de xeito que os rapaces e rapazas seguiran aprendendo a mirar ao seu redor a través das cámaras e con propostas que se puideran desenvolver dentro das casas.

Vídeos desde as xanelas ata os ceos

Así, a primeira das actividades titulouse Planos desde as xanelas, con fotografías e gravacións do exterior pero tomadas desde as fiestras dos fogares. Paisaxes rurais e urbanas, amenceres, rúas desertas, patios interiores, aves ou elementos da natureza foron algúns dos temas máis recorrentes. Outra das actividades consistiu en retratar os membros da familia cos que se convive, unha proposta na que os avós e as avoas foron os absolutos protagonistas das fotografías.

Tamén se levaron a cabo os denominados Diarios da luz, consistentes en filmar ou captar momentos de entradas de feixes de luz no interior das habitacións e nas mesmas localizacións exteriores en distintos momentos do día.

Coa relaxación das medidas de confinamento, propuxéronse outros exercicios e obradoiros, como a filmación de ceos e nubes ou a fotografía de árbores. Así mesmo, houbo oportunidade de propoñer experimentos como a creación dunha cámara escura. O arquivo e posta a disposición dos materiais conseguidos nos webs www.cinemaencurs.org e www.fotografiaencurs.org permitiu, ademais, establecer entre todos os participantes un diálogo en clave cinematográfica en pleno illamento e desde distintos territorios, sensibilidades e linguas.

Os centros que traballan en Cinema en curso este ano son o Ceip A Rúa de Cangas, o Ceip San Cosme de Barreiros, o Ceip de Tenorio en Cerdedo-Cotobade, o Ceip Manuel Suárez Marquier no Rosal e o IES O Ribeiro en Ribadavia; en tanto que en Fotografía en curso están inscritos o IES Pastoriza de Arteixo, o Ceip Barrié de la Maza en Santa Comba, o Ceip As Mercedes de Lugo, o Ceip de Seara en Moaña, o Ceip Gándara Sofán de Carballo, o IES Francisco Aguiar de Betanzos, o Ceip Padre Crespo en Xunqueira de Ambía, o IES Lauro Olmo no Barco de Valdeorras e, de novo, o Ceip de Tenorio en Cerdedo-Cotobade.