Skip to main content

Á empresa Kids&Us de Ribadeo tamén lles afectou “de cheo” a crise sanitaria, “pois estabamos a piques de comezar o terceiro trimestre do curso e tivemos que parar as clases. Cada curso ten uns contidos e obxectivos que se deben acadar para pasar o seguinte e este quedounos con moito material sen traballar na aula”, explica Laura López, a súa xerente.

“Cos nenos máis pequenos estámoslles enviando dende que comezou o estado de alarma materiais para traballar na casa  e cada semana enviamos novo material de xeito que intentamos manter as rutinas da clase e que continúen tendo todas as semanas un ratiño para o inglés”.

As perdas ata o de agora supuxeron perder case un trimestre e case seguro que xuño sen clase. “Son tres meses e medio sen apenas ingresos, que van repercutir moito na empresa. Por exemplo, tiñamos previsto ampliar aulas e xa non creo que o poidamos realizar”. Tiveron que facer un Erte á plantilla na que contan con cinco profesoras, tres a tempo completo e dúas a parcial.

Nesta academia valórase moito aos profesores por iso “intentamos coidar moito ás nosas profes, pois, son un dos piares principais do centro. Por este motivo, están contratadas todo o curso, para que non lles ocorra como en moitos centros que no verán non cobran e teñen que ir ao paro. Pero isto, intentamos ter campamentos cada verán para que poidan continuar traballando e desfrutar tamén do seu mes de vacacións”.

Este ano non sabemos se poderemos facer campamentos, o cal nos pon nunha situación moi difícil, pois unha vez remate o estado de alarma teremos que facer frente ás nóminas de 5 traballadoras, moitas a tempo completo, sen ter ingresos.

Tamén din que necesitan empezar canto antes a traballar con normalidade pero cando sexa seguro. “Traballamos con nenos moi pequenos e o máis importante é garantir a seguridade de todos. Por isto, non sabemos en que momento poderemos abrir. Economicamente, será difícilmente sostible un periodo tan largo con gastos e sen ingresos”.

Teñen a vantaxe de poder recuperar os contidos perdidos cando comecen as clases, “xa estamos traballando en programacións e sesións adaptadas para cada curso. Todo o que tiñamos previsto como obras de teatro para os alumnos, talleres de cociña, mesmo a festa de fin de curso, terán que ser reprogramadas para o curso seguinte”. 

Como medidas por parte do Goberno cren que sería necesario ampliar os Ertes ata que se comece a actividade lectiva e ter máis marxe temporal para devolver os préstamos.

A estas alturas deberían estar xa preparando as reunións de fin de curso e comezando a darse a coñecer entre as familias da zona, de cara ás matrículas do curso próximo, pero co que está a acontecer “este curso non vai poder ser así e aínda non sabemos se nos poderemos reunir coas familias como facemos cada ano”.