Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

As confrarías e bateeiros analizaron as melloras na xestión da extracción da mexilla e do percebe

Por 23 Maio, 2020Sin comentarios

As federacións de confrarías de pescadores e dos bateeiros reunironse coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, en relación á situación da extracción de mexilla e do percebe. No encontro, no que tamén estiveron as directoras xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, a Administración galega e ambos sectores analizaron melloras na xestión de ambos recursos para o momento actual e tamén para o futuro.

A titular de Mar cualificou a reunión, celebrada no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), como moi satisfactoria xa que “as dúas partes puxeron de manifesto que o que pretenden é evitar os conflitos nas diferentes zonas de explotación de mexilla e de percebe”. É dicir, subliñou, “que ningún bateeiro ten interese en prexudicar os bancos do percebe e ningún percebeiro ten interese en que non se poida extraer a mexilla, recurso fundamental para desenvolver o cultivo de mexillón tan importante para a nosa comunidade autónoma”.

As propostas para o presente e para o futuro que xurdiron deste encontro serán expostas polas federacións de confrarías e asociacións de bateeiros aos seus socios para a súa aprobación e con elas búscase atallar as discrepancias que se rexistran entre ambos colectivos que coinciden en zonas de traballo, acadar unha solución que satisfaga a todas as partes e ao mesmo tempo a explotación responsable de percebe e de mexilla.

Por unha banda, de cara o momento actual, desta reunión saíu a proposta de reservar as zonas que están sendo obxecto de conflito entre ambos sectores de maneira que tanto percebeiros como bateeiros poidan realizar unha explotación sustentable dos seus recursos. Por outra banda, coa vista posta no futuro, a Consellería do Mar e ambos colectivos acordaron analizar as diferentes zonas de traballo dos percebeiros e as de maior abundancia de mexilla para avanzar na xestión responsable de ambas especies de xeito conxunto.

Esta reunión enmárcase no seguimento que está a realizar a Consellería do Mar sobre a extracción de mexilla e de percebe e no contacto permanente que mantén cos bateeiros e percebeiros co obxectivo de garantir o desenvolvemento normal da actividade destes dous grupos de profesionais. Súmase á reunión telemática mantida esta semana pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia con representantes da Comisión do Mexillón para analizar a situación e escoitar as súas inquedanzas co obxectivo de buscar un entendemento entre as partes.