Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Os pementos Couto Grande e Piñeira poderán comercializarse a partir de agora

Por 24 Maio, 2020Sin comentarios

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a inscrición definitiva das variedades galegas de pemento Couto Grande e Piñeira no Rexistro de Variedades Comerciais como variedades de conservación. Así, a partir de agora poderanse producir e comercializar as súas sementes, tras anos de trámites.

Ambas variedades caracterízanse por seren pementos de carne media-grosa, de sección case cadrada e de cor verde escura. No caso do Couto Grande, consómese en verde ou maduro, e na variedade Piñeira adoita consumirse en verde, sendo esta última unha variedade moi adaptada para o cultivo ao aire libre en zonas costeiras.

Esta inscrición obtense unha vez cumpridos todos os trámites establecidos nos regulamentos xerais e regulamentos técnicos de inscrición de variedades. Para elo, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural, vén desenvolvendo traballos dende o ano 2008, no caso da variedade Couto Grande, e dende o ano 2005, no da variedade Piñeira. Todo co obxectivo de evidenciar as súas características propias e diferenciadas doutras variedades autóctonas de pemento.

Dende o ano 2012, a Consellería do Medio Rural rexistrou máis dun cento de castes autóctonas de variedades vexetais, a través dos seus centros de investigación. Na actualidade son máis de 50 as variedades en estudo ou en proceso de rexistro sobre as que se están facendo estudos e traballos de investigación coa finalidade de poñer a disposición do sector produtos diferenciados con características propias que poñan en valor as variedades tradicionais da nosa comunidade.

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo é o encargado da coordinación, dirección, custodia, conservación e posta en valor do Banco de Recursos Fitoxenéticos Agrarios da Comunidade Autónoma de Galicia e desenvolve as súas actividades de investigación e transferencia especialmente nas liñas autóctonas de variedades hortícolas, cereais de inverno, millo, froiteiras e especies forraxeiras.

A Consellería do Medio Rural, a través do PDR de Galicia dá resposta aos obxectivos do Plan Marco de Conservación de Recursos Xenéticos na Agricultura. Entre eles trata de garantir a preservación, conservación e utilización dos recursos fitoxenéticos, así como a localización e caracterización de variedades autóctonas, promovendo o rexistro e  multiplicación desas variedades nos centros de investigación xestionados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Grazas a eles foméntanse as producións agrícolas autóctonas de calidade, preservando a conservación medioambiental e buscando o incremento da rendibilidade no medio rural mediante a achega de material vexetal local de calidade e sanidade contrastadas, conforme á norma, aos operadores profesionais para a posta no mercado de produtos agrarios diferenciados e cun maior valor engadido.