Alfoz aproba os orzamentos de 2020 sen partidas específicas ás consecuencias do Covid-19

Os orzamentos Municipais de Alfoz para a anualidade 2020 foron aprobados no Pleno celebrado o pasado venres 22 de maio, cos únicos votos a favor do equipo de goberno. N

o pleno, que se celebrou de forma telemática, Via Alfoz presentou sete emendas parciais que finalmente foron rexeitadas polo PSOE. As emendas presentadas Via Alfoz contaban cun paquete de medidas forte ao Covid-19, “porque o proxecto de Orzamentos presentado polo equipo de goberno non contén ningunha medida específica” indica Xabier Pardiñas. O voceiro do grupo municipal de Via Alfoz engade que “presentamos as emendas cunha actitude construtiva, coa intención de poder modificar o proxecto de Orzamentos presentado, pois nel existen partidas que non se van poder executar e outras que non nos parecen prioritarias neste momento”.

Entre as partidas referidas están as axudas para a celebración de eventos que nas últimas datas confirmaron a súa cancelación, como a Feira do Trece ou as festas de varias parroquias de Alfoz. Por este motivo Pardiñas indica que “non ten sentido que se aproben uns orzamentos que inclúen partidas específicas para eventos xa cancelados e non existan partidas para o Covid-19, ademais, a xente non está precisamente para festas”.

Programa de axudas ao tecido produtivo

A principal medida proposta por Via Alfoz, cifrada en 39.000 euros, consistiu na creación dun programa de axudas para que o tecido produtivo local se adapte á nova realidade xerada pola pandemia do Covid-19.

Tal e como indica a emenda, desde Via Alfoz considérase que a nova situación vai mudar tanto as necesidades como a forma de traballar do tecido produtivo, e polo tanto vai requirir das empresas novas necesidades, novas formas de acceso aos clientes, así como investimentos para adaptar os novos protocolos de produción. Segundo indica Pardiñas “trataríase dunha liña de axudas transversal que recolla todos os sectores produtivos do concello, tanto o comercio, a industria, a agricultura e a gandeira, como o sector forestal ou o turístico e a hostalería”.

Os beneficiarios destas axudas serían tanto autónomos como empresas asentadas no concello. En canto ao obxecto destas axudas serían “calquera tipo de investimento que se considerase necesario para adaptar as empresas á nova realidade”, tales como instalacións e aplicacións informáticas e de acceso a internet, plataformas de promoción e venta online, servizos de reparto a domicilio, custes de adaptación de instalacións e procesos produtivos ou  compra de equipos de protección, entre outros. O rexeitamento desta proposta por parte do equipo de goberno é segundo Xabier Pardiñas “unha mala noticia para o noso tecido produtivo, e por tanto para os nosos veciños e veciñas que están sufrindo en primeira persoa as consecuencias desta pandemia” e engade “o Covid-19 veu coma un tsunami, agora estamos na ola, pero cando esta se retire veremos o que quedou debaixo, por iso é o momento de axudar aos nosos”.

Ademais das axudas ás empresas, as emendas de Via Alfoz, que foron rexeitadas polo PSOE, tamén incluían outras propostas como a a creación dun programa de reparto de máscaras a todos os habitantes de Alfoz, a creación dun Plan Municipal de Persoas Maiores que complemente o Servizo de axuda no Fogar que conte con actividades non incluídas no servizo, así como a creación dun punto de acceso público a Internet, dotado dos medios informáticos e coas garantías hixiénico sanitarias adecuadas relativas ao Covid-19. Segundo indica Xabier Pardiñas “este local permitiría aos nosos veciños realizar trámites telemáticos tales como exames, conferencias ou acceso a aulas virtuais de forma individual, algo que as instalacións da biblioteca non o permiten” e engade “o goberno local di que chegamos tarde, e pretende enganarnos co punto de acceso a internet solicitado a Unión Europea que, para nada, cubre as necesidades da nosa proposta”.

Plan para crear solo urbanizado de uso industrial e local social da Pinguela

Na lexislatura pasada déranse os primeiros pasos para a redacción dun Plan Especial para crear solo urbanizado con destino de uso industrial, contando de feito cunha partida nos orzamentos de 2019. Desta volta, esta proposta feita de novo por Via Alfoz, queda sen consignación orzamentaria “sendo  necesaria, mais que nunca,  para o desenrolo do tecido empresarial local”. Esta cuestión suscitou un momento de polémica no Pleno cando desde a alcaldía se indicou que non era necesario ao estar solicitado un Plan Básico Municipal á Xunta de Galicia. Segundo indica Pardiñas “isto indica un descoñecemento total da materia por parte do equipo de goberno pois un Plan Básico Municipal non desenrola Solo Industrial e, ademais, quérennos enganar de novo incumprindo a súa promesa electoral de redactar un PXOM”.

Tamén se xerou polémica respecto á rehabilitación da escola da Pinguela para local social. Ante as acusacións do equipo de goberno de que Via Alfoz non apostaba polos locais sociais, Xabier Pardiñas indica que “non nos parece de recibo, no momento actual, que se consignen 135.000 euros, preto do 30% do orzamento de investimentos, nun único local social, mentres non contamos con ningunha partida para o Covid-19” e engade que “o señor Val pretendeu durante todo o pleno terxiversar as nosas emendas, pois se realmente estuda a proposta, verá que unicamente pedimos que nesta anualidade se destinen 30.000 euros desta partida a outras que consideramos mais prioritarias. Na situación actual, non é moi solidario gastar este diñeiro nun único local social e non axudar ao nosos veciños e veciñas nin ao noso tecido produtivo”.

Desde Via Alfoz consideran que o equipo de goberno se escudou, durante o Pleno, no feito de ser “cauto” respecto á toma de medidas relativas ao Covid-19 e indican que “unha cousa é ser cauto e outra diferente é non consignar ningunha partida orzamentaria para axudar aos nosos veciños na actual situación”. Ademais, os membros do grupo municipal de Via Alfoz indican que se presentaron ao pleno coa intención de aportar propostas para mellorar o proxecto de orzamentos e pola contra atoparon a un equipo de goberno “esquivo, sacando as cousas de contexto e con poucas gañas de negociar”, algo que deixou de manifesto o alcalde Jorge Val durante o pleno ao declarar que “temos maioría e non temos porqué contar con vostedes”. Segundo indican desde Dirección Executiva de Via Alfoz “isto é algo que se leva repetindo ao longo da lexislatura, reflexo da intransixencia do señor Val”.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: