Unha veciña de Viveiro abriu unha petición en change.org para pedir ao Concello que habilite “un espazo verde onde poidan desfrutar da herba, con papeleiras que nos faciliten a limpeza dos excrementos dos nosos cans”.
Así, Celia Portas relata que como “propietaria dun can que día tras día saca a pasear polas rúas da localidade, e que os cans teñen que conformarse paseando atados dunha correa no lugar de poder correr polos parques nin desfrutar da herba”.
“Todos os propietarios de cans temos a obrigación, que cumprimos gustosamente, de adicarlle horas para darlles unha educación, exercitarlles e que saian a facer as súas necesidades”, engade.
Portas di que “ningún propietario pretende que o seu can faga dano a outro ou morda a unha persoa, e moito menos que os animais se apropien das rúas da cidade de forma descontrolada”, por iso insta ao Concello a habilitar unha zona valada para obter tranquilidade e “que os cans esten tranquilos e que os propietarios saibamos que non van saír correndo ás estradas e ser atropelados ou poidan chocar con algunha persoa e ocasionarlle algún dano”.