Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Alcoa San Cibrao convoca aos traballadores a unha reunión o xoves

Por 26 Maio, 2020Sin comentarios

A dirección da factoría Alcoa San Cibrao vén de convocar aos representantes legais dos traballadores da empresa cervense a unha reunión o vindeiro xoves 28 de maio de 2020.

O obxectivo da reunión é informar á representación legal dos traballadores da situación “insostible á que se enfronta a planta de aluminio e as medidas que están a ser consideradas polo Grupo, incluíndo medidas laborais”. Na reunión do día 28 proporcionaranse os detalles.

Afirman na convocatoria que esta reunión non se celebra para iniciar formalmente ningún procedemento legal oficial, senón que “queremos abrir un período de conversacións informais para explicar en detalle a situación actual, as súas causas e para discutir alternativas e medidas sen a presión do prazo legal”, di Álvaro Dorado, presidente de Grupo Alcoa Inespal en España.

A reunión terá lugar de 12.00 a 14.00 horas no restaurante Los Robles en Lugo e a empresa facilitará aos representantes legais dos traballadores e aos seus asesores os medios de transporte para desprazarse ao lugar da reunión.

Pleno da Deputación

Por outra banda, o goberno provincial reunido hoxe en pleno telemático, votou en contra da moción presentada polo Partido Popular en defensa da competitividade de Alcoa-San Cibrao e do futuro dos seus traballadores.

Durante a súa intervención, o voceiro do PP deixou claro que a solución pasa única e exclusivamente por aprobar un estatuto que recolla as alegacións presentadas ao mesmo e que si dan resposta ás demandas dos axentes sindicais e dos traballadores. “É unha mala noticia a que coñecemos, polo que quizais o que debatamos hoxe non solucione nada para os próximos días”.  E é que, apuntou o voceiro, “segue o Goberno sen o estatuto electrointensivo coas alegacións”; unha inacción que tamén se reproduce na Deputación de Lugo, que, dixo, “non fixo nada porque parece que non lle interesa o tecido empresarial, a pesares de que lle ofrecemos que chamase ás empresas para saber a problemática dos sectores”.

“Non quixeron montar a mesa que pedimos, a sabendas de que están dando mal os números da fábrica e o covid está mermando o consumo interno e rebaixando a produción”. Isto é o que levou ao popular a concluír que “Tome descoñece o que representa Alcoa para a provincia”. “Se non aprobamos o estatuto que, por certo, non figura na súa moción, as consecuencias para os traballadores e as familias van a ser tráxicas”. Unha situación, explicou, que se agravará, aínda máis, coa aprobación por parte do Goberno da lei do cambio climático que, prexudica, dixo Castiñeira, “a Alcoa e que acabará con As Pontes”.