Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BNG critica a pasividade da Xunta e do Estado ante a Alcoa San Cibrao

Por 27 Maio, 2020Sin comentarios

O BNG sacou adiante no Pleno provincial unha moción de apoio aos traballadores da factoría de Alcoa San Cibrao e ao persoal das empresas auxiliares, afectado por Ertes tras a decisión da alumineira de suspender as tarefas de rebrascaxe das cubas de electrolise.

A iniciativa recolle as demandas que a Plataforma de empresas auxiliares -que aglutina preto dun milleiro de traballadores- trasladou a todos os grupos políticos e insta á Xunta de Galicia e ao goberno do Estado a actuaren para evitar que “continúe a perda de postos de traballo na factoría sancibrense”.

Na defensa da moción, presentada como proposta de goberno e aprobada por unanimidade, a deputada Mónica Freire manifestou “a solidariedade e apoio do BNG ao persoal que traballa na factoría”, que este martes recibía o anuncio “doutras medidas que afectan ao emprego” por parte da multinacional.

A deputada mariñá advertiu que “a empresa está a seguir a mesma estratexia que coas factorías da Coruña e Avilés” e acusou aos gobernos da Xunta e do Estado de “botar balóns fóra” e “non buscar unha solución”.

“A perda de actividade en Alcoa non está orixinada polo prezo da enerxía, que coa crise da Covid 19 baixou ata os 20 euros por Kw, senon que é algo premeditado por parte da empresa para deixar morrer a factoría”, argumentou a nacionalista.

“É inexplicable que ante esta situación, e coa crise industrial que soporta Galiza, non houbese unha mobilización das administracións públicas para salvar o emprego. E nisto teñen que estar tanto a Xunta como o goberno central que teñen as competencias e que ata o de agora non foron capaces de buscar unha solución. O que é inútil, e non lles soluciona nada aos traballadores, é botar balóns fóra”, sentenciou a deputada mariñá, que lembrou que “o BNG está a defender o emprego na factoría” en todos os foros nos que ten representación, con iniciativas tanto no Parlamento galego como no Congreso dos Deputados