Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP acusa ao alcalde de Foz de aproveitarse do traballo proxectado por eles

Por 27 Maio, 2020Sin comentarios

O Partido Popular de Foz afeou a actitude do alcalde por “sacarse fotos ante obras xa proxectadas por eles”. Esta crítica fíxose tralo anuncio municipal das obras que se están a realizar do aglomerado de camiños en varias parroquias, con cargo ao Plan Único 2019. Estes días as obras lévanse a cabo na estrada de Río ao Carme, na parroquia de San Martiño.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “despois dos traballos feitos na parroquia de Santa Cilla, concretamente no barrio de Chao, o Concello está procedendo agora ao aglomerado do vial Río-O Carme, cunha lonxitude de 2.300 metros, en Xinzo, na parroquia de San Martiño. É unha vía moi importante, que utilizan un gran número de veciños de San Martiño e Vilaronte. Adicionalmente ao proxecto contemplado, dispuxéronse sinalización vertical, dous badéns intermedios, como elementos disuasorios para reducir a velocidade dos vehículos, e o pintado das bandas laterais. Esta nova sinalización incluíuse no proxecto de licitación como melloras do ofertante.

O rexedor municipal engade que “a continuación realizaranse os aglomerados proxectados nas parroquias de Fazouro, Nois e Cangas, onde se rematou a limpeza de cunetas e tubaxes.  O Concello de Foz roga que se circule con precaución durante a realización das obras e lamenta as molestias que se ocasionen”.

Pola súa banda o voceiro popular Javier Castiñeira comunicou que “por enésima vez o señor alcalde vai sacar as fotos as obras proxectadas polo anterior goberno a cargo do Plan único 2019 e que se están executando un ano despois de ser concedidas”.

O Concello de Foz destinou en marzo do 2019 máis do 80% dos 410.000 euros do Plan Único a mellorar accesos a núcleos das parroquias de Cangas, Nois, Fazouro, San Martiño e Santa CIlla.

Así, o exalcalde, Javier Castiñeira finaliza preguntandose que “cando será o día que o alcalde visite unha obra da súa propia colleita”.