Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os trámites para a renumeración de edificios en Ribadeo poden facerse no Concello

Por 27 Maio, 2020Sin comentarios

O alcalde, Fernando Suárez, envía un aviso aos establecementos de venda ao público nos que non se están a gardar as medidas de seguridade necesarias para facerlle fronte ao Covid-19. O rexedor subliña que se eses locais non son capaces de garantir esas distancias o que teñen que facer é sinalizar un circuíto de entrada e outro de saída para evitar o contacto entre as persoas. Por outra banda, os propietarios dos inmobles afectados pola renumeración, que deu comezo hai uns meses, disporán ata finais do presente ano 2020 para proceder a facer os cambios correspondentes. Ata decembro convivirán os números antigos cos novos.

Suárez Barcia comentou: “queremos facer dous avisos á cidadanía no día de hoxe. O primeiro deles ten que ver con determinados establecementos de venda de todo tipo de produtos que teñen corredores (pasillos), pero que non están gardando a distancia de dous metros de separación que indican as recomendacións sanitarias. Polo tanto a todos estes propietarios destes establecementos témoslles que pedir que ou ben consigan ter esta separación ou, se non é posible, deberán sinalizar convenientemente un circuíto de entrada e outro de saída a fin de que exista unha soa dirección sen posibilidade de cruce entre as persoas, co obxecto de manter a distancia de separación que sinalamos”.

O rexedor dixo que “en calquera destes casos deberán presentar no Concello un plano para validar o cumprimento destes recorridos, así como tamén para poder calcular o aforo máximo do local, que é algo que estamos facendo con notable éxito nestes últimos días. Estamos expedindo unha chea de títulos de aforo máximo co que os titulares dos establecementos poden ir despois calculando coas porcentaxes que marca o goberno do Estado o aforo nun determinado momento”.

Por outra banda, o alcalde ribadense declarou que “outro aviso oficial que facemos refírese este programa no que levábamos varios meses traballando na renumeración de edificios e de vivendas. Hai que ter en conta que o servizo de Correos, desde hai un tempo a esta parte, mostraba moitísimos problemas para entregar as cartas en moitos domicilios o que nos obrigou, non pola nosa intención senón por esta circunstancia de Correos, a renumerar todo Ribadeo. Desde daquela plantexabamonos a primeira parte do ano 2020 para facer estes traballos de simultanear o número vello e o número novo, e que ao mesmo tempo a xente puidera facer o cambio con comodidade, con seguridade, que puidera vir ao Concello para pedir un certificado no que figurase a nova numeración, etc…”.

Fernando Suárez engadiu que “co coronavirus os prazos suspendéronse, suspendemos todo este tipo de actuacións, e agora que estamos reanudando a administración a través de cita previa non lle queremos dar unha prioridade a isto porque tampouco a vai ter. Polo tanto, imos ampliar a todo o resto do ano 2020 a posibilidade dos trámites para cambiar a numeración. Así que ninguén se preocupe, que ninguén teña unha presa desmedida por vir ao Concello para solicitar un certificado deste tipo. Polo tanto pedímoslle á xente que a partir de agosto reanude todo isto, que ten o resto do ano ata o 31 de decembro para facer o cambio da numeración. Poderán convivir durante todo este tempo coa numeración vella e coa numeración nova. Correos está advertido de que isto vai ser así e temos que ir pouco a pouco nesta desescalada atendendo agora prioritariamente, desde a administración municipal, a outro tipo de consultas ás que lles damos máis importancia”.

Mercado semanal

Mañá, mércores, terá lugar unha nova edición do mercadiño semanal de Ribadeo na súa nova localización no aparcadoiro municipal. Aos postos agroalimentarios uniranse mañá outros de ferraxería, antigüidades, bixutería, calzado e bolsos. Tal e como veu acontecendo nas dúas últimas semanas o mercado cumprirá con todas as medidas de hixiene e seguridade para facer fronte ao Covid-19: “hai unha serie de medidas de obrigado cumprimento para as persoas vendedoras, que estarán suxeitas a unha serie de normas protocolarias de sanidade como levar máscara, garantir dous metros de distancia entre eles e a clientela, desinfectar e limpar frecuentemente a maquinaria empregada ou poñer a disposición da clientela luvas e líquido hidroxel, entre outros. Pero tamén as persoas usuarias destes mercados deberán garantir a separación entre eles, en todo momento, de dous metros de distancia entre si, e deberán permanecer o menor tempo posible no mercado recomendándose tamén o acceso a el con máscara e con luvas”, insistía o alcalde, Fernando Suárez, hai uns días.